REDACCIÓN | A loita pola recuperación do pazo de Meirás, o inicio da Querela Arxentina na denuncia realizada por Darío Rivas polo asasinato do seu pai -alcalde de Castro de Rei- a mans de falanxistas, e os asasinatos dos loitadores antifranquistas Moncho Reboiras, Humberto Baena e Xosé Luis Sánchez Bravo centraron parte da conferencia “Franquismo sen Franco: legado autoritario, impunidade e esquecemento”, que hoxe se celebrou no Parlamento Europeo coorganizada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda.
O primeiro panel da conferencia, que conmemora o décimo aniversario do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo e do 50º aniversario da morte do ditador Francisco Franco abordou os límites e as reformas necesarias do marco xurídico español fronte aos crimes do franquismo baixo o título “Marco lexislativo do Estado español e desafíos do legado autoritario”.
Neste panel, por parte da delegación galega, participaron o profesor Manuel Monge e avogada Irene Álvarez. Monge falou da vixencia da Lei de Amnistía, tamén para os criminais do franquismo, así como da impunidade dos crimes do franquismo, a existencia das fundacións franquistas “e non pasa nada”. Monge fixo referencia tamén á aprobación no Parlamento Europeo da Resolución contra o avance do neofascismo en outubro de 2018, da que Ana Miranda foi co-relatora, e considerou que é preciso unha autocrítica polos incumprimentos da Lei de Memoria Democrática.
Impunidade na democracia
Pola súa banda, Irene Álvarez, que forma parte do equipo xurídico de CEAQUA en Galiza subliñou que nos atopamos co incumprimento do Estado español da normativa internacional. Na súa intervención lembrou que hai 15 anos que se abriu a Querela Arxentina “instrumento de solidariedade internacional” e que o Estado español sigue poñendo trabas para o seu cumprimento pleno. “A política de impunidade se desenvolve desde hai máis de 40 anos de democracia”, denunciou, ademais de mencionar o arquivo reiterado das denuncias presentadas no Estado español. Ademais subliñou que a Lei de Memoria Democrática non garante o acceso das vítimas á xustiza.
No segundo panel, “Memoria activa fronte ao revisionismo histórico e á desmemoria”, por parte da delegación galega participou Flor Baena, irmá de Xosé Humberto Baena, un dos fusilados o 27 de setembro de 1975. Baena criticou a negativa do PP a participar na homenaxe aos últimos fusilados polo franquismo, entre os que ademais de Humberto Baena tamén se atopaba o vigués Xosé Luis Sánchez Bravo, representado na conferencia a través do seu sobriño, Luis Vera Sánchez-Bravo.
No acto conmemorativo do 10º aniversario do Grupo de Memoria Democrática -formado por eurodeputadas e eurodeputados de catro grupos parlamentarios europeos: Greens/EFA, S&D, Renew Europe, e The Left- Ana Miranda salientou a necesidade de seguir traballando nos logros acadados polo Grupo nestes dez anos de loita antifascista para esixir “xustiza, verdade e reparación para as vítimas”.
Xa no coloquio con algunhas das asociacións memorialistas que teñen traballado co Grupo de Memoria do Parlamento Europeo, o investigador Carlos Babío -coautor do ensaio “Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio”, polo que foi denunciado, por inxurias e calumnias, pola familia Franco, xa que pola contra, na obra explica como a finca da súa familia foi incautada para construír o pazo. Subliñou que a denuncia foi desestimada pola xustiza en 2021.
Babío destacou o papel activo do Grupo a respecto da recuperación do pazo de Meirás e fixo referencia á visita realizada por unha delegación de eurodeputados e eurodeputadas en maio de 2018, visita que supuxo un paso relevante na recuperación do pazo para o pobo.