El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Ernesto González Valdés
Sociedad

OURENSE

O Colexio de Logopedistas denuncia unha "grave eiva estrutural"

A situación en Ourense é crítica, cunha soa profesional para toda a provincia.

16-12-2025 19:00:49
Javier Bueno e Diana Gándara.

REDACCIÓN | O Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia (CPLGA) urxiu hoxe ao Servizo Galego de Saúde a corrixir unha grande "eiva estrutural" na atención ao ictus en Galicia. Esta patoloxía cerebrovascular, considerada unha prioridade sanitaria polo SERGAS, é un dos maiores retos da sanidade galega. Malia que cada ano se detectan arredor de 7.000 novos casos de ictus, a falta de logopedistas impide o manexo correcto da disfaxia, unha secuela que pode afectar ata un 65 % dos pacientes. 

A disfaxia, ou dificultade para tragar alimentos, líquidos ou saliva, non é un problema menor. Sen unha intervención temperá, pode derivar en complicacións graves: desnutrición, deshidratación, problemas para tomar a medicación e infeccións potencialmente mortais como a pneumonía aspirativa. “O risco de desnutrición multiplícase por dous nestes pacientes e o risco de pneumonía é oito veces máis alto”, segundo Diana Gándara, presidenta do Colexio Profesional de Logopedistas de Galicia (CPLGA) e logopedista no CHUS. Gándara engade que “as persoas con disfaxia teñen ingresos hospitalarios un 40 % máis prolongados e os seus custos de hospitalización crecen nun 60 %”. 


O mapa da desigualdade 

As principais sociedades científicas internacionais e os protocolos do  Sergas establecen que debe realizarse un cribado de disfaxia nas 24  primeiras horas do ictus, seguida dunha valoración posterior dos casos nos que exista unha sospeita de disfaxia, para o que é necesario contar con logopedistas especializadas. 

Un dos principais obstáculos para a aplicación desas medidas é o déficit de logopedistas na sanidade pública galega. “Sen estes profesionais, a atención queda inevitablemente incompleta, a medio camiño. É imprescindible a incorporación de logopedistas a todas as Unidades de ictus, para que traballen cos pacientes desde as primeiras horas e para que todos teñan a mesma atención logopédica sen depender do hospital no que ingresen”, sinala Javier Bueno, logopedista no Álvaro Cunqueiro de Vigo e vicepresidente do CPLGA. 

Actualmente, hai 5 Unidades de Ictus en hospitais galegos (CHUS, CHUVI, CHUAC, HULA e CHOU), pero a atención da disfaxia é moi desigual. “Só no CHUVI hai logopedistas integradas na Unidade de Ictus e  non hai un protocolo xeral sobre como deben realizarse os cribados”, apunta Bueno. 

Ourense é a “zona cero” desta carencia asistencial. “É imposible garantir unha valoración logopédica na Unidade de Ictus do CHOU cando só hai unha profesional para toda a provincia e non atende pacientes adultos. Ofrecemos a nosa colaboración á Administración desde a posta en marcha da Unidade, pero non houbo resposta polo momento”, lamenta a presidenta das logopedistas galegas. 

Galicia dispón da estrutura necesaria. Agora cómpre dotala dos profesionais que fagan posible que esa estrutura funcione como debe. O ictus é a primeira causa de mortalidade entre as galegas e a segunda entre os galegos.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias