REDACCIÓN | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou hoxe A nosa meta, a igualdade, a nova campaña posta en marcha pola institución provincial co gallo do 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres. “Escollemos este lema porque cremos que a igualdade é un obxectivo que aínda non logramos, pero que é irrenunciable para todos”, sinalou Luis López, que lembrou que “a desigualdade segue a ser un problema que está presente en todos os eidos” e, por iso, “non podemos mirar cara a outro lado e o noso goberno provincial está despregando accións concretas”.
O presidente lembrou que a imaxe da campaña se atopa ás portas do Pazo provincial, onde está instalado un panel. Ademais, a fachada da sede de Vigo tamén conta desde hoxe cunha lona da campaña e, tamén desde hoxe e ata o 10 de marzo, ambas as dúas sedes iluminaranse de morado.
O acto central do 8M celebrarase no Pazo provincial da Deputación o venres 6, “coa lectura do manifesto a cargo do Hockey Travesas, que foi un dos premiados na última edición dos Premios Boas prácticas en Igualdade”. Será ás 11 da mañá e tamén incluirá unha actuación musical do grupo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, presentarase o spot da campaña e entregarase material da campaña de sensibilización.
A partir deste acto central, levaranse a cabo outras accións como o concurso E ti, que pensas da igualdade?, cuxo prazo de inscricións está aberto ata o 13 de marzo, a celebración de concertos musicais e varias exposicións en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, así como unha nova edición do ciclo de conferencias Ciencia en feminino todos os mércores do mes. Ademais, a seguinte fin de semana celebrarase a novena edición do encontro As mulleres que opinan son perigosas no Teatro Principal de Pontevedra, e tamén se publicarán as bases da cuarta edición dos premios vencellados a este foro, o venres 6 no Boletín Oficial da Provincia coincidindo co acto central.
Pendentes aínda de data, a Deputación de Pontevedra tamén organizará máis encontros no marco do programa provincial Aquí Faltan Páxinas, porá en marcha unha nova edición do ciclo Mulleres de Palabra(s) e presentará un mural realizado pola artista Alba Troiteiro no Centro Penitenciario da Lama. Pódese consultar a programación completa de actividades en depo.gal.
Luis López sinalou que “a busca da igualdade entre mulleres e homes é unha carreira de fondo, que está chea de novos retos pero tamén dos vellos obstáculos de sempre; pero se algo nos gusta neste goberno e nesta provincia é chegar á meta en todo o que nos propoñemos”. Por este motivo, o presidente da Deputación de Pontevedra asegurou que “non imos dar nin un só paso atrás, non imos renunciar a ninguén nesta loita, e por iso a defensa dos dereitos das mulleres é a única postura posible”.