El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Bayardo Quinto Núñez
Jesús Antonio Fernández Olmedo
Más noticias

XXXV MOSTRA DO ENCAIXE DE CAMARIÑAS

Lola de Logaro transforma o "encaixe de subsistencia" en rebeldía e liberdade

Na pasarela do ArtEncaixe da Mostra de Camariñas.

12-03-2026 11:19:21
Lola de Logaro.

REDACCIÓN | Primeira confirmación do desfile de ArtEncaixe da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, que se prepara para acoller unha das propostas máis conceptuais e reivindicativas desta edición. A artesá textil Lola de Logaro regresa ao evento para presentar "Ganapán", a súa nova colección cápsula para o 2026. 

A proposta explora a estética noir para narrar un diálogo fascinante: a colisión entre a austeridade laboriosa da costa galega e a rebeldía hedonista da muller moderna dos anos 20. Unha colección que nace da necesidade de elevar e transformar o encaixe. 

Para a creadora, o obxectivo desta colección é converter unha ferramenta histórica de supervivencia nun auténtico estandarte de autonomía. "Traballo o encaixe como enxeñaría e arquitectura, con liñas rectas, módulos repetidos e motivos clásicos dese 'encaixe de subsistencia' que marcou a vida na costa galega", explica Lola de Logaro. "Sobre esa base levanto siluetas noir: corpos relaxados, ombreiros caídos, cinturas pouco marcadas, longos que se moven ao ritmo do paso, flocos e transparencias que lembran ás flappers, ao jazz, ao fume dos clubs e á rebeldía dos anos 20". 

A deseñadora xoga coa dualidade colocando encaixes extremadamente precisos en patróns que rompen a norma. "Para min, cada prenda é un pequeno manifesto: o palillo conserva o seu rigor técnico, pero desprázase do mantel e a bandexa ao corpo que se move e decide; a ferramenta de supervivencia convértese en estandarte de liberdade". 

"O maior reto técnico foi orquestrar todas as outras técnicas –ganchillo, calceta, flecados, acabados de costura– para que sumen textura e volume sen roubarlle nin un milímetro de protagonismo ao encaixe de Camariñas", sinala a deseñadora. 

Para logralo, confesa que tivo que traballar case como unha directora de escena: "O encaixe é a actriz principal e o resto das técnicas son escenografía e luz. Iso implica axustar calibres de fío, densidades de punto e pesos para que o tecido soporte a peza de encaixe sen deformala nin matar a súa caída natural". 

O resultado é un traballo de costura invisible, con reforzos internos e remates limpos que permiten que, cando a peza saia á pasarela, "o único que se perciba sexa o encaixe falando en voz alta".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias