O curso-proxecto cultural e de investigación ?Aulas no Camiño?, organizado pola Universidade de A Coruña e apoiado pola Xunta e polo Concello de Ferrol, entregou este venres en Santiago de Compostela a Insignia de Ouro ao intelectual e artista Isaac Díaz Pardo, a primeira que concede o curso nos seus doce anos de existencia. Asemade, os 20 alumnos de Humanidades que participaron no curso deste ano, titulado ?Diálogos galego-portugueses nun camiño de identidades?, tamén recibiron os seus diplomas "por deixar a pegada da identidade de Galicia por onde pasaron", afirmou o director, Xosé Leira. Ademais de Díaz Pardo e de Leira, no acto estiveron presentes, entre outros, a coordinadora de ?Aulas no Camiño?, Rosa Méndez; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; a concelleira de Cultura de Ferrol, Yolanda Díaz e o director xeral de Patrimonio cultural da Xunta, Felipe Arias. Os organizadores de ?Aulas no Camiño? afirmaron que "se alguén merecía algunha distinción", esa persoa era Isaac Díaz Pardo, "que é en si mesmo un camiño para coñecer o proceso de memoria e de identidade de Galicia". O intelectual galego amosouse agradecido pola Insignia de Ouro que lle foi concedida, e, en ton de broma, comentou que lla daban "porque eran amigos" e que "non se podía tomar en serio" todo o que dicían del. Os alumnos de ?Aulas no Camiño? tamén foron eloxiados polos presentes no acto pola súa participación neste proxecto, pois son "os mellores axentes para favorecer e difundir o Camiño de Santiago", segundo Felipe Arias. Pola súa banda, Sánchez Bugallo amosouse "contento e satisfeito" tanto por acoller no concello compostelán unha homenaxe a Díaz Pardo, "resultado do orgullo que ten Galicia de ter un fillo coma el", como polo labor do proxecto da Universidade coruñesa para "coñecer" o Camiño de Santiago, sen o que "Galicia non sería o que é". O obxectivo de ?Aulas no Camiño: diálogos galego-portugueses nun camiño de identidades?, curso que está a piques de rematar, é o de profundizar no estudo da realidade galega e portuguesa que atravesan os camiños de Santiago, a través do estudo de áreas tan diversas como a antropoloxía, a historia, a literatura, o patrimonio ou a análise sociolóxica. O director, Xosé Leira, explicou que pretenden "chegar ao espazo común europeo", polo que durante os doce anos que leva funcionando, ?Aulas do Camiño? xa se desenvolveu en países como Francia, Italia, Alemaña ou a República Checa. Aínda que está organizado pola Universidade de A Coruña, neste proxecto cultural e de investigación colaboran catorce profesores e conferenciantes de diferentes institucións, universidades e centros de investigación, ademais dos vinte alumnos de Humanidades e Biblioteconomía. A comitiva deste ano, que partiu de Lisboa o pasado 4 de xullo, fixo o itinerario da antiga ruta Perloca Marítima ata chegar onte a Santiago. Non obstante, o derradeiro destino será Fisterra, onde un recital de poesía lle porá fin a esta aventura.