El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Bayardo Quinto Núñez
Jesús Antonio Fernández Olmedo
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Sol Agra reivindica na etapa coruñesa do Correlingua "a mocidade rebelde que leva o galego no corazón"

06-05-2026 17:37:40
Sol Agra.

REDACCIÓN | A deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra, interveu hoxe na etapa coruñesa do Correlingua 2026, celebrada na contorna da Torre de Hércules. O acto reuniu alumnado e profesorado de diferentes centros educativos da provincia cun elemento común: a defensa e promoción da lingua galega. 

Durante a súa intervención, Sol Agra destacou o valor do lema desta edición do Correlingua, ‘Co galego no corazón facemos revolución’, e sinalou que iniciativas como esta evidencian que «segue habendo unha mocidade comprometida coa defensa dunha lingua viva e con futuro», mesmo nun contexto «de emerxencia lingüística». 

A deputada amosou tamén a súa «satisfacción» por poder participar no Correlingua desde A Coruña, cidade que definiu como «a histórica sede das Irmandades da Fala» e que conta hoxe cun centro de referencia como o IES Rafael Dieste, coñecido polo seu compromiso e campañas como ‘Aquí tamén se fala’. Neste sentido, salientou que esta iniciativa, «co impulso colectivo da mocidade rebelde que leva o galego no corazón, conseguiu un fito histórico como que o Deportivo por fin vaia ser ‘da Coruña’». 

Agra reivindicou ademais o carácter creativo, moderno e transformador da lingua galega, asegurando que «o galego continúa sendo unha ferramenta de expresión cultural, artística e social plenamente viva», e puxo o foco no papel da xente nova como motor desa resistencia fronte aos procesos de minorización lingüística. 


Apelo á implicación da mocidade 

Na súa intervención, animou a manter o uso do galego no día a día e apelou á implicación da mocidade para garantir o futuro da lingua «en todos os espazos da vida cotiá». Finalmente, agradeceu a participación do alumnado e o compromiso colectivo co galego, rematando cunha mensaxe de esperanza e continuidade para a lingua galega. 

A actividade foi organizada por CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG, co apoio do Concello da Coruña e da Deputación da Coruña nas súas áreas de Normalización Lingüística. Participaron na convocatoria centros educativos de distintos concellos da provincia, entre eles A Coruña, Cambre, Culleredo, Oleiros, As Pontes, Carral, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Pontedeume e A Laracha. 

A xornada incluíu a lectura do manifesto por parte do alumnado, a entrega de premios e a actuación da Mekánika Rolling Band, nun acto presentado por Isabel Risco. 

Ao longo do mes de maio, o Correlingua 2026 continuará o seu percorrido nas próximas semanas con novas citas en diferentes localidades galegas. Tras o paso por Santiago de Compostela e A Coruña, a programación chegará a Moaña o día 7, Monforte (13), A Estrada (15), Narón (19), Ourense e Ribadeo (20), Pontevedra (21), Lalín e Vigo (22), para rematar en Lugo o 27 de maio.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias