REDACCIÓN | Galicia conta desde este verán cun novo proxecto chamado a converterse nun referente para descubrir e desfrutar do seu litoral. O Camiño do Litoral, impulsado pola Xunta de Galicia como unha das actuacións estratéxicas da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, propón un percorrido continuo de máis de 1.300 quilómetros entre Ribadeo e A Guarda que permite coñecer a costa galega desde unha perspectiva sostible, conectando espazos naturais de gran valor, vilas mariñeiras e elementos de interese patrimonial ao longo de 52 etapas e 78 concellos costeiros.
A Xunta destina este ano 1,4 millóns de euros
A iniciativa nace co obxectivo de reforzar a posta en valor do litoral galego, mostrando unha costa viva na que a protección do patrimonio natural e cultural convive coa actividade económica e social. Precisamente esa visión integradora constitúe un dos principios inspiradores da Lei do litoral de Galicia, que recolle expresamente o desenvolvemento dunha rede continua de sendas costeiras como unha actuación estratéxica para divulgar a riqueza ambiental, paisaxística, etnográfica e arquitectónica dos máis de 2.555 quilómetros de costa da comunidade.
Para facer realidade este proxecto, a Xunta destina este ano 1,4 millóns de euros a distintas actuacións co obxectivo de acondicionar o percorrido, reforzar a seguridade dos usuarios, dotar á ruta dunha identidade visual propia e desenvolver ferramentas que facilitan a súa utilización. A maior parte do investimento -1,1 millóns de euros- dedícase á execución de traballos de limpeza e roza, mellora da drenaxe, adecuación de firmes e apertura puntual de novos treitos para garantir un itinerario continuo e plenamente transitable.
Un dos aspectos máis destacados do proxecto é que aproveita a infraestrutura xa existente ao longo da costa galega. De feito, arredor do 90% do trazado discorre por sendas, camiños e pistas xa consolidadas, polo que só foi necesario programar actuacións puntuais no 10% restante para asegurar a continuidade e accesibilidade da ruta.
O Camiño do Litoral conta tamén cunha sinalización específica, deseñada para ofrecer unha imaxe homoxénea ao longo de todo o percorrido. Cun investimento de 200.000 euros, os sinais están elaborados con materiais reciclados e preparados para soportar as condicións ambientais propias do litoral, facilitando a orientación dos usuarios en todas as etapas.
A experiencia complétase cunha aplicación móbil oficial, xa dispoñible para a súa descarga gratuíta en dispositivos iOS e Android. A ferramenta permite consultar as 52 etapas do percorrido, acceder á información práctica de cada tramo, localizar os elementos incluídos no Catálogo de bens de valor cultural no litoral e coñecer mellor o patrimonio natural e paisaxístico da contorna, converténdose nunha guía dixital para acompañar aos usuarios durante toda a ruta.
Con esta iniciativa, a Xunta consolida un novo produto de turismo de natureza que vertebra toda a costa galega e ofrece unha forma diferente de coñecer o territorio, fomentando un modelo de desfrute sustentable que combina conservación, accesibilidade e valorización do patrimonio litoral.