REDACCIÓN | A correcta xestión dos residuos comeza moito antes de que estes cheguen ao colector. Tamén nos establecementos comerciais, onde separar adecuadamente cada residuo desde o momento en que se xera facilita o seu posterior tratamento, favorece o aproveitamento dos materiais e reduce o impacto ambiental da actividade económica.
O comercio de proximidade xera diariamente residuos moi diversos vinculados á súa actividade. Unha tenda pode acumular caixas e embalaxes de cartón; un establecemento de alimentación, envases, materia orgánica ou plástico film; unha floraría, restos vexetais e embalaxes; unha ferretería, envases de diferentes materiais ou determinados produtos que requiren unha xestión específica; e unha tenda de roupa, residuos téxtiles e embalaxes. Son situacións cotiás que demostran que non todos os residuos que se xeran nun negocio son iguais nin deben recibir o mesmo tratamento.
Identificar correctamente cada un deles
A clave está, polo tanto, en identificar correctamente cada un deles e mantelo separado desde a súa orixe. Entre os residuos non perigosos máis habituais figuran o papel e cartón, os envases, os residuos orgánicos ou os téxtiles. Xunto a eles, determinadas actividades poden xerar residuos perigosos, como pilas, baterías, lámpadas, algúns equipos electrónicos, cartuchos de tinta, aceites usados ou determinados produtos químicos, que deben manterse diferenciados.
Esta separación en orixe permite ademais resolver algunhas das situacións máis habituais na actividade diaria dos comercios: evitar mesturar nunha mesma bolsa residuos diferentes, non confundir residuos perigosos e non perigosos ou reducir a presenza de impropios nas distintas fraccións de recollida selectiva. Tamén facilita a organización interna dos establecementos, especialmente nunha actividade na que o espazo dispoñible pode ser limitado.
A Xunta promove estas boas prácticas como parte do avance de Galicia cara a un modelo de economía circular. Unha transición que non consiste unicamente en reciclar máis, senón tamén en previr a xeración de residuos, optimizar o uso dos materiais e reducir o impacto ambiental da actividade económica. Neste proceso, o comercio local desempeña un papel especialmente relevante tanto polos residuos que xera como pola súa relación directa e continuada coa cidadanía.
E é que esta aposta forma parte das liñas marcadas polo Plan Sectorial de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030, aprobado pola Xunta en 2024 e que constitúe o marco de referencia para a planificación da xestión dos residuos municipais en Galicia. Entre os seus obxectivos figuran a prevención da xeración de residuos, a mellora da recollida separada e a recuperación dos materiais, avanzando cara a un modelo de xestión máis próximo e baseado nos principios da economía circular.
O certo é que para facilitar este cambio de hábitos e achegar información práctica, a Xunta pon tamén á disposición de empresas e profesionais o Sistema de Información de Residuos de Galicia (SIRGA), que ofrece información específica sobre os residuos comerciais, os seus diferentes fluxos e as formas de xestión, ademais de ferramentas como o buscador de xestores e transportistas autorizados ou a consulta da Lista Europea de Residuos.
Separar ben tamén pode ser un bo negocio
Separar correctamente non ten por que supoñer unha maior complexidade para o negocio. Pequenas decisións organizativas —como dispoñer os recipientes axeitados ou separar cada material no mesmo momento en que se xera— poden facilitar a xestión posterior e evitar erros. O obxectivo é que identificar que residuo se está xerando e como debe separarse pase a formar parte da organización habitual do establecemento.
Os beneficios, ademais, van máis aló do propio comercio. Unha mellor separación facilita o aproveitamento dos materiais e contribúe ao cumprimento dos obxectivos colectivos de prevención, reutilización e reciclaxe. Ao mesmo tempo, o contacto diario entre os establecementos e a súa clientela permite estender estes hábitos ao conxunto da sociedade, reforzando a idea de que a economía circular é unha responsabilidade compartida entre empresas, consumidores e administracións.
Así, algo tan sinxelo como non mesturar o cartón co resto dos residuos, separar os envases, diferenciar os biorresiduos ou identificar aqueles refugallos que necesitan unha xestión específica pode converterse nun primeiro paso para aproveitar mellor os recursos. Porque unha boa xestión dos residuos comeza, literalmente, no lugar onde se xeran.