REDACCIÓN | O Concello ten aberto o prazo de presentación de solicitudes para o Bono Taxi 2027, unha prestación municipal destinada a facilitar os desprazamentos das persoas con discapacidade que teñen graves dificultades para utilizar o transporte público colectivo. A convocatoria, publicada onte no Boletín Oficial da Provincia (BOP), conta cun orzamento de 180.000 euros e permitirá solicitar estas axudas ata o vindeiro 9 de novembro.
O programa, impulsado polo Concello, busca favorecer a autonomía persoal e facilitar a mobilidade cotiá das persoas beneficiarias, e ofrecer unha alternativa de transporte adaptada ás súas necesidades. O crédito dispoñible distribuirase a partes iguais entre as persoas que cumpran os requisitos da convocatoria, cun importe máximo individual de1.000 euros.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou a importancia de manter este recurso municipal para as persoas que atopan maiores dificultades nos seus desprazamentos. “O Bono Taxi permite que moitas persoas poidan realizar actividades cotiás, acudir a citas ou desprazárense pola cidade con maior autonomía. O Goberno municipal busca que as dificultades de mobilidade non supoñan un obstáculo engadido para participar na vida da Coruña”, sinalou.
Poderán solicitar estas axudas as persoas maiores de tres anos que residan e estean empadroadas na Coruña e teñan recoñecida oficialmente unha discapacidade que afecte gravemente á súa mobilidade e lles impida utilizar o transporte público colectivo. Entre os requisitos tamén figuran non ser titular dun vehículo e cumprir os límites económicosestablecidos nas bases, fixados no 210 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), así como as restantes condicións da convocatoria.
As solicitudes poderán presentarse de maneira telemática a través da sede electrónica municipal ou presencialmente, nos rexistros municipais de María Pita, Fórum Metropolitano e Centro Sociocultural Ágora. Para formalizar a petición será necesario cubrir o modelo normalizado de solicitude (modelo 124) e achegar, cando corresponda, a documentación acreditativa. Toda a información sobre os requisitos, a documentación necesaria e o procedemento de solicitude está dispoñible na páxina web municipal, no apartado de Servizos Sociais nesta ligazón.