El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

PONTEVEDRA

O Concello investirá máis de 1,1 millóns na reforma integral das rúas Altamira e Antón Villar Ponte

15-10-2026 17:28:12
O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores.

REDACCIÓN | O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou hoxe o proxecto integral de reacondicionamento urbano das rúas Altamira e Antón Villar Ponte, unha intervención destinada a rexenerar a trama interior entre as rúas San Antoniño e Pai Fernando Olmedo. Esta obra dá continuidade ás humanizacións xa executadas nos últimos anos nesta zona da cidade, como Loureiro Crespo, Benito Corbal ou Casimiro Gómez. 

A intervención conta cun orzamento de licitación de 1.124.000 euros e actuará sobre unha superficie total de 2.430 metros cadrados. Deste espazo, 2.100 m² destinaranse a espazo viario e uns 330 m² a zonas verdes e prados axardinados. A redacción do proxecto foi realizada polo estudio pontevedrés Enrique Barreiro Arquitectos, que tamén desenvolveu os traballos de consulta e participación veciñal. 

A actuación ten como eixo principal a reordenación urbana para reducir o tráfico de paso e implantar a preferencia peonil mediante unha plataforma única, gañando permeabilidade e interconectividade no interior deste barrio popular. Manteranse, en todo caso, os accesos aos garaxes e os servizos de carga e descarga ou mensaxería. 

O rexedor explicou que se trata dun proxecto de elevada complexidade técnica debido á estreiteza de certas tramos e ao forte desnivel existente entre as rúas San Antoniño e Pai Fernando Olmedo. Para resolver estas barreiras, o deseño baséase no criterio de accesibilidade universal: 

.- Adaptación de rasantes: modificarase a entrada de Antón Villar Ponte desde San Antoniño para eliminar os escalóns e barreiras arquitectónicas. 

.- Mellora e adaptación de escaleiras: remodelaranse as escaleiras interiores para facelas máis accesibles e seguras, conservando a conexión peonil entre niveis. 

.- Itinerarios peonís accesibles: estableceranse percorridos cun ancho libre mínimo de 1,80 metros e unha altura libre de 2,0 metros. 

.- Pavimentos podotáctiles: disporanse pavimentos táctiles en cruces e cambios de nivel para facilitar a mobilidade de persoas con discapacidade visual. 


Mellora de servizos subterráneos, zonas verdes e mobiliario 

O proxecto inclúe a renovación integral das redes subterráneas, completando as conducións de abastecemento de auga potable e o saneamento de pluviais, así como a adaptación de rexistros. Do mesmo xeito, substituirase por completo a rede de alumeado público. 

Na área paisaxística, retiraranse exemplares de escaso valor para plantar 22 novas árbores en alcorques situados a catro metros das fachadas, ademais de recuperar 330 m² de prados axardinados. A intervención completarase con novo mobiliario urbano formado por bancos, papeleiras e fontes. 

Fernández Lores amosouse moi satisfeito polo alto grao de implicación veciñal na definición do proxecto e lembrou que esta obra responde a un compromiso do goberno municipal. Coa decisión política de consignar o orzamento xa tomada, o Concello tramitará o expediente por vía anticipada coa previsión de licitar o contrato para iniciar os traballos durante o ano 2027.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias