REDACCIÓN | O delegado do Goberno, Pedro Blanco, iniciou hoxe a súa comparecencia condenando de xeito rotundo os actos violentos ocorridos na xornada de onte, que cualificou como “non admisibles”, e lamentando a intranquilidade que xeraron na cidadanía.
Posteriormente aclarou que o exercicio do dereito de reunión, recollido no artigo 21 da Constitución, non está sometido a autorización previa senón que unicamente require a comunicación ás autoridade competente, neste caso a Subdelegación do Goberno na Coruña, que toma coñecemento do exercicio dun dereito constitucional recoñecido. Este unicamente se pode modificar ou prohibir naqueles casos que algún organismo informe desfavorablemente. En caso contrario, prima o dereito constitucional.
O delegado relatou que a Subdelegación do Goberno na Coruña recibiu o 16 de outubro a comunicación da instalación dunha mesa informativa de VOX no día 21 na praza de María Pita, e que pola súa natureza quedaba fóra da aplicación do dereito de reunión comunicada (menos de 21 persoas e mesa informativa). Na mesma comunicación VOX solicitaba medidas para garantir a seguridade do acto e por iso se traslada esta comunicación ás Forzas e Corpos de Seguridade. Posteriormente, o día 17, Galiza Nova comunicaba a convocatoria dunha concentración anunciando o seu carácter pacifista para o mesmo día e no mesmo lugar.
Pedro Blanco detallou que ambas comunicacións foron trasladadas ás Forzas e Corpos de Seguridade e outros organismos sen que houbera informes desfavorables para a súa celebración, primando o dereito constitucional á manifestación. Desde ese momento, as Forzas e Corpos de Seguridade traballaron no dispositivo en contacto cos organizadores e o resto de organismos implicados.
O delegado reiterou que son as Forzas e Corpos de Seguridade as que estableceron o dispositivo que consideraban oportuno atendendo a criterios técnicos e operativos para garantir o dereito constitucional de ambos convocantes.
Con respecto ao día de onte, o delegado aclarou que a Policía Nacional interveu para conter aos manifestantes, ao non respectar ás indicacións e despois de que empezasen a lanzar mobiliario urbano e outros obxectos contra os policías. Como resultado desta intervención, engadiu, detívose a dúas persoas por desorde público e doce policías sufriron contusións de diversa consideración.
O delegado sinalou como relevante que en ningún momento houbo enfrontamento entre persoas de ambas convocatorias ao tempo que lembrou que vivimos nun Estado democrático con dereitos constitucionais como é o de manifestación. E por iso, respéctase e garántese o dereito de VOX a celebrar un acto político, como non podía ser doutra maneira, ao tempo que se garante o dereito a manifestarse en contra.
Pedro Blanco lembra que a obriga é defender o dereito de ambas partes o que non se estende ao momento en que un grupo de persoas, aproveitando estas concentracións, provocan desordes públicos como os vividos onte pola mañá na praza de María Pita.
Con respecto á manifestación ocorrida na tarde de onte, o delegado informou que esta non foi comunicada por canles oficiais. Nela, e despois de permanecer un tempo ante a sede da Subdelegación, os participantes desprazáronse ata a sede da Delegación e con posterioridade, repetiuse a actuación dun grupo que protagonizou actos de desorde pública e vandálicos como lanzamento de bengalas e outros obxectos coa resposta da Policía. Isto fixo que esta concentración non comunicada derivara nunha serie de actos vandálicos e de desorde pública por diferentes rúas e prazas da zona centro da Coruña ata que se acadou a dispersión destes grupos.
Sobre o resultado desta intervención, o delegado informou que se rexistrou un detido e un axente de policía resultou ferido con contusións, ademais de importantes danos no mobiliario urbano da cidade.
No remate, o delegado insistiu no dereito constitucional a concentrarse e manifestarse, pero tamén na esixencia de denunciar os actos violentos que protagonizan eses grupos radicais e antisistema, que se infiltran no medio da xente para xerar desorde e violencia. Lembrou que tanto na concentración da mañá como na concentración da tarde había centos de persoas que querían exercer o seu dereito lexítimo e así o fixeron, pero, lamentou que outra xente se aproveitara desta concentración para xerar desorde e iso compre denuncialo e perseguilo. E reiterou a condena a unha violencia que “de ningunha maneira podemos consentir nin aceptar”.
Pedro Blanco concluíu manifestando o respecto e defensa do traballo da Policía Nacional e lamentando novamente a situación de intranquilidade que viviu a veciñanza da cidade da Coruña.