El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Ernesto González Valdés
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Más noticias

A CORUÑA

Inés Rey reivindica un modelo de transformación tecnolóxica centrado no benestar, a igualdade e a sustentabilidade

23-10-2026 17:21:55
Inés Rey (d).

REDACCIÓN | A alcaldesa, Inés Rey, o ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, e o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, participaron hoxe na clausura do DATAfórum Justicia, un encontro nacional que estivo activo desde o pasado mércores na cidade, e que reuniu a máis de 180 expertos e un milleiro de participantes, incluíndo máis de 200 estudantes de 13 universidades diferentes, que formaron parte dos eventos como o DATAthon, un concurso co obxectivo de dar respostas innovadoras a necesidades reais da Administración de Xustiza. Durante a xornada, tamén estiveron presentes outras autoridades como o delegado do Goberno, Pedro Blanco, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.  

Precisamente, a alcaldesa aproveitou a súa intervención final no congreso para reivindicar o seu labor pedagóxico coas novas xeracións a través do seu enfoque divulgativo e das actividades que fomentan a participación. “Todos e cada un dos expertos e expertas que estiveron aquí foron un día estudantes con curiosidade e ganas de aprender. Ese relevo xeracional, esa transmisión do saber, é unha das bases sobre as que se constrúe o progreso. Durante estas tres intensas xornadas, centos de mozos e mozas de moi diversas partes de España puideron intercambiar experiencias, contrastar ideas e aprender xuntos”, apuntou. 

Pola súa banda, a súa intervención Bolaños defendeu seguir incorporando a intelixencia artificial e outras tecnoloxías para axilizar a Xustiza, sempre de forma responsable, orientándoas ao interese xeral e someténdoas ao control democrático. Así mesmo, lembrouque España ocupa os primeiros postos nas clasificacións europeas de dixitalización deste servizo público. 

O ministro tamén detallou que o Goberno traballa no desenvolvemento dunha ferramenta de intelixencia artificial xudicial que será das máis avanzadas do mundo e garantirá a soberanía tecnolóxica neste ámbito. 

Rey, no seu discurso, reiterou a vontade da Coruña de posicionarse á vangarda da transformación dixital, incluíndo o avance das novas ferramentas de intelixencia artificial. “Queremos formar parte activa deste debate porque cremos que A Coruña ten moito que achegar, desde a nosa experiencia como cidade innovadora, universitaria e aberta ao mundo. Unha cidade que aposta polo coñecemento, pola ciencia, polo talento e pola colaboración entre institucións como motores de progreso”, engadiu Rey.  

Ademais, avogou por un modelo de progreso tecnolóxico sostible que sirva para darlle resposta ás grandes cuestións das sociedades actuais. “Na Coruña temos claro que a innovación só ten sentido se mellora a vida das persoas. Se serve para prestar mellores servizos públicos, para facilitar a mobilidade, para reducir barreiras e para construír unha cidade máis sostible e máis igualitaria”, dixo.  



Un evento de referencia 

O DATAfórum Justicia é un evento anual itinerante organizado polo Ministerio de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes e centrado na dixitalización da Xustiza, a clave da transformación deste servizo público impulsada desde o Goberno. Nesta edición, o congreso contou coa colaboración do Concello e a Universidade da Coruña, así como co apoio do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a Fiscalía Xeral do Estado. 

O programa inclíu sesións sobre outros retos da xustiza do século XXI, como os delitos de odio, a desinformación, a protección dos datos ou o consentimento sexual na era dixital. Na última xornada, ademais, tres artistas falaron de transformación social e dixital desde as súas disciplinas: o cinema, con Carlos Montero (guionista de series como “Élite”); a música,coa violonchelista Alejandra Díaz; e o humor, con Carolina Iglesias (@percebesygrelos en redes sociais), entre outras moitas actividades e charlas que abordaban a cuestión da intelixencia artificial desde moi diferentes perspectivas.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias