El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Ernesto González Valdés
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón: "A Coruña vai ser decisiva para que Galiza teña máis forza en Madrid o 29N da man do BNG"

27-10-2026 14:37:28
Ana Pontón (c).

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, apuntou que A Coruña “vai ser decisiva” para que Galiza teña unha voz máis forte en Madrid nas eleccións xerais da man dun BNG que é garantía tamén na defensa dos dereitos e liberdades e no que pediu concentrar todo o voto galego o próximo 29N. 

Así o afirmou no acto de presentación da candidatura do BNG ao Congreso e ao Senado pola Coruña no que tamén interviñeron o cabeza de lista ao Congreso, Néstor Rego, e a portavoz municipal e candidata á Alcaldía nas municipais de 2027, Avia Veira. 

“Para que Galiza se poida facer valer, necesitamos ter máis forza e a circunscrición da Coruña vai ser decisiva; cada voto máis ao BNG é un voto para que os galegos e as galegas nos fagamos escoitar e nos fagamos respectar e os nosos problemas teñan solucións”, remarcou. 

Pontón apelou a “concentrar todo o voto galego” no Bloque para que Galiza conte e para defender unha vida digna e, neste sentido, lanzou tres claras mensaxes de cara ás eleccións do próximo 29 de novembro. 

A primeira, que nestes comicios Galiza xógase o seu peso político no Estado. “Xogámonos se queremos estar en Madrid decidindo e tendo unha voz forte que fale por nós ou se única e exclusivamente queremos que sexan as forzas estatais quen deixen muda a Galiza”, explicou. 

Por iso, sinalou que, para avanzar, os galegos e as galegas teñen que ter máis forza no Estado e a única maneira de facelo é ter “unha representación coas mans libres para defender a vida dos galegos e das galegas a través do BNG”, a única forza que lle dá voz aos problemas da cidadanía galega, que necesita “solucións e políticas adaptadas” á súa realidade. 

Neste sentido, reivindicou o labor desenvolvido ao longo dos últimos anos polo Bloque en Madrid e que, só cun deputado e unha senadora, logrou avances para o País como rebaixas históricas na AP-9 e na AP-53, a transferencia da autoestrada galega, a mellora das pensións, o incremento dos permisos de maternidade e paternidade ou unha quita da débeda pública de 4.000 millóns de euros. 

En segundo lugar, a líder nacionalista destacou “a crise social” que hai neste momento, con miles de persoas que non poden acceder a unha vivenda, miles de familias afogadas polas facturas porque o custo da vida está disparado en Galiza, que encabeza a suba inflacionista pese a ter salarios e pensións máis baixos que a media estatal. 

“Todas as persoas que queiran realmente que a próxima lexislatura sexa unha lexislatura de avances, de dereitos, onde ampliemos liberdades e onde se atendan as necesidades específicas que ten este País, a súa alternativa é o BNG”, proclamou nun momento no que, alertou, “hai quen quere levarnos cara atrás”. 

Pontón advertiu neste punto que as políticas do PP son coñecidas, dado que leva moitos anos en Galiza “traballando en contra das maiorías” e en favor “dunha presa de grandes empresas que o único que queren é facerse coa electricidade e os recursos mineiros do País e deixar aquí absolutamente nada”. 

“Fronte a ese modelo de espolio do Partido Popular, o BNG tamén é alternativa para dicir alto e claro que queremos que a nosa riqueza se poña ao servizo da sociedade, que non imos permitir que se exploten os nosos recursos mineiros para seguir alimentando a política da guerra e que queremos que a xente deste País poida ter unha vida digna”, afondou. 

Un compromiso e unha garantía que ofrece o Bloque aos miles de galegos e galegas que están decepcionados coa política de sempre dunhas forzas estatais que, subliñou, “propoñen en campaña, pero logo incumpren cando chegan ao goberno”. 

Neste contexto e en terceiro e último lugar, Pontón apelou a concentrar no BNG “todo o voto galego e que quere dereitos e liberdades” porque é a alternativa para que Galiza se faga valer no Estado e para defender os dereitos e os avances sociais. 

O Bloque, alegou, é alternativa para poder ter solucións reais nas políticas de vivenda, para mellorar as pensións, para mellorar o futuro dunha mocidade que está dicindo nas rúas non quere “nin un paso atrás”, senón que “necesita políticas valentes para que as súas vidas non queden atrapadas no medio da especulación e da precariedade”. 

“Polo tanto, imos a este 29N con toda a forza e cunha candidatura que representa a diversos sectores da sociedade galega que pon en marcha toda esa ilusión e toda esa confianza que temos no País e desde aí é desde onde queremos traballar, desde a confianza nos galegos e nas galegas, esa confianza que lle pediremos o próximo 29 de novembro para ser a súa voz e para facernos valer como País”, concluíu. 


Un BNG á alza 

Pola súa parte, Néstor Rego asegurou que “o BNG afronta esta campaña coa confianza de ser unha forza á alza, cun traballo recoñecido e o compromiso de ter cumprido”, o que contrastou coa ausencia de iniciativa sobre Galiza das outras forzas estatais. “Se BNG non estivese, Galiza non estaría”, recordou. 

O cabeza de lista ao Congreso pola Coruña remarcou a importancia das políticas sociais: “Son máis necesarias que nunca” nun momento “no que o bloque reaccionario anuncia xa en campaña que vai facer recortes en políticas sociais, en igualdade ou en pensións, e cando temos un Goberno que é o que máis incrementou o gasto militar”, advertindo que isto implica que “cada euro que se inviste en armamento, detráese de políticas imprescindíbeis como o emprego, a vivenda, ou atención á dependencia”. 

Mais, puntualizou, “aquí esta o BNG para que Galiza conte, para que os problemas do noso país teñan solución e para que a voz do noso pais se escoite”. E deixou claro “o noso comprimoso para o futuro: seremos máis unha vez a voz insubornábel na defensa dos intereses da Galiza, mais tamén a forza que impulse políticas sociais e novos dereitos democráticos”. 

O candidato nacionalista avanzou que o BNG tamén “poñerá freo a ese bloque reaccionario de dereita e ultra dereita que quere que Galiza quede cada vez máis atrás. Volverémolo facer”, manifestou logo de recalcar que “cada deputado ou deputada que vaia ao BNG será un menos para o bloque da ultra dereita”. Rego tamén loubou a candidatura pola Coruña sinalando que “é a candidatura que leva as mellores persoas para facer este traballo”. “Representa ese impulso de país que precisamos e o compromiso co pobo galego”, concluíu. 

Por último, Avia Veira destacou que un BNG con forza en Madrid é tamén unha garantía para darlle unha mellor calidade de vida á veciñanza da Coruña, non só coa defensa dunha vivenda, dunhas pensións e duns servizos públicos dignos, senón tamén coa defensa dunha mobilidade e dun transporte que respondan ás necesidades da cidadanía coruñesa. 

Mais tamén, subliñou, para pensar “en grande” o futuro da cidade e que pasa, entre outras cuestións, por ten un porto libre dunha “débeda indigna” derivada da construción do porto exterior. “Queremos pensar a cidade e o porto da Coruña libre desa débeda e, para iso, tamén serve ter un BNG firme, un BNG forte”, concluíu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias