REDACCIÓN | A Deputación da Coruña pecha cun balance moi positivo a súa participación no Gastronomic Forum Barcelona, onde durante tres xornadas amosou o potencial gastronómico e produtivo da provincia a través dunha programación propia con máis dunha vintena de actividades entre showcookings, catas, presentacións e talleres.
O espazo provincial, baixo o lema «A paisaxe que sabe», rexistrou unha elevada afluencia de público ao longo das tres xornadas, cunha moi boa resposta ás diferentes propostas gastronómicas. As elaboracións dos cociñeiros e cociñeiras, as degustacións e as presentacións dos produtos locais espertaron o interese dos visitantes, que descubriron con sorpresa a diversidade, a calidade e as posibilidades culinarias dos produtos da provincia da Coruña.
A participación permitiu tamén que os produtores locais presentes no foro establecesen importantes contactos comerciais con profesionais da distribución, da restauración e doutros ámbitos do sector alimentario, abrindo novas oportunidades de colaboración e negocio. Un resultado especialmente relevante que confirma o valor deste tipo de accións de promoción para facilitar o acceso dos produtos locais a novos mercados e ampliar as posibilidades de comercialización.
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, valorou moi positivamente os resultados desta presenza en Barcelona e destacou que “o obxectivo non era unicamente dar a coñecer os nosos produtos, senón tamén ofrecerlles aos produtores da provincia unha oportunidade real para establecer contactos, abrir mercados e xerar novas posibilidades de negocio”. “A resposta do público foi extraordinaria”, engadiu. “Moitas persoas sorprenderonse ao descubrir a enorme variedade e calidade do que se produce na provincia da Coruña, así como a capacidade dos nosos profesionais para transformar eses produtos en propostas gastronómicas de primeiro nivel. Pero, sobre todo, estamos satisfeitos porque esta presenza tamén se traduciu en oportunidades comerciais para as empresas e os produtores participantes”», sinalou.
Regueira incidiu en que a promoción do produto local ten unha dimensión económica e social que vai moito máis alá da gastronomía. “Cando damos a coñecer un queixo, un viño, un marisco, unha carne ou calquera outro produto da nosa provincia, estamos tamén poñendo en valor o traballo das persoas que están detrás del, as explotacións, as confrarías, as pequenas empresas e todo un tecido produtivo que é fundamental para o noso rural”. Nese sentido, sinalou que “apostar polo produto de proximidade significa contribuír á xeración de riqueza e oportunidades no territorio, favorecer a actividade económica, crear emprego e axudar a fixar poboación. Cada oportunidade comercial que conseguimos para os nosos produtores é tamén unha oportunidade para o rural da provincia”.
Ao longo das tres xornadas, o espazo da Deputación contou coa participación de A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cárnicas Domínguez, Mariscos de Barallobre, Cafés Aruba, San Isidro Bakery, Galegas de Nata, Galmesán, Empanadas Ternura e María Manuela Enoturismo, que protagonizaron demostracións e degustacións dos seus produtos. Ao longo das tres xornadas, o espazo da Deputación contou coa participación de A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cárnicas Domínguez, Mariscos de Barallobre, Cafés Aruba, San Isidro Bakery, Galegas de Nata, Galmesán, Empanadas Ternura e María Manuela Enoturismo, que protagonizaron demostracións e degustacións dos seus produtos. A programación reuniu tamén talento culinario da provincia, coa participación de Naír González, xunto con Víctor Basante (Restaurante Arrueiro, Laxe), gañador do concurso Mellor Cociñeiro Galego do Ano 2025; e Mar Lago e Álex Martínez (Restaurante Bacelo, Ferrol) e Andrés Torreiro (D’Obra en Melide), finalistas provinciais do certame deste ano. Xunto a eles participaron o sumiller Alejandro Paadín e Óscar Ramil, xerente do Consello Regulador da DOP Arzúa-Ulloa. A representación da excelencia e diversidade gastronómica coruñesa tivo un dos seus momentos destacados coa participación de Manuel Costiña, do restaurante Retiro da Costiña, distinguido con dúas estrelas Michelin.