REDACCIÓN | O festival Viñetas desde o Atlántico, recibiu hoxe un dos premios Cogave (Confederación Galega de Asociacións Veciñais) , concedido neste caso pola Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana (FAVA). O galardón recoñece, segundo o manifestado pola entidade veciñal, “a súa extraordinaria difusión da banda deseñada, a democratización da cultura e a proxección da cidade como referente cultural, converténdose ao longo destas case tres décadas nun referente cultural e punto de encontro entre xeracións moi diferentes de creadores/as e lectores/as”.
Dende FAVA sinalaron que os dous premiados deste ano: a Fundación Salma e o festival Viñetas desde o Atlántico “constitúen exemplos de como o compromiso coa sociedade pode transformar realidades e contribuír a construír unha cidadanía máis libre, participativa e cohesionada”.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, recolleu o premio e sinalou que “o Viñetas desde o Atlántico forma parte da identidade cultural da Coruña”. “Poucos festivais poden presumir dunha traxectoria tan sólida e dun vínculo tan especial coa cidadanía. Falamos dun evento que leva décadas achegando a banda deseñada a públicos de todas as idades e convertendo a nosa cidade nun punto de referencia para a creación gráfica e a ilustración”, apuntou.
“Desde o Concello seguimos apostando por un festival que combina excelencia artística, divulgación e participación cidadá. Viñetas é tamén unha extraordinaria ferramenta de proxección exterior para a Coruña, capaz de atraer autores e autoras de prestixio internacional ede situar a cidade no mapa dos grandes encontros culturais”, destacou Castro, que agradeceu á FAVA este recoñecemento en nome da alcaldesa, Inés Rey.
Pola súa banda, o director do Viñetas, Manel Cráneo, agradeceu na gala de entrega celebrada esta mañá en Pontevedra a todo o equipo do festival o seu traballo e quixo poñer de relevo a importancia que ten recibir un premio coma este polo feito de ser concedido pola veciñanza da área metropolitana da Coruña.
Cráneo destacou que para a dirección do evento este premio supón un pulo que dará novos azos á organización da edición número 30 e amosou a súa satisfacción polo feito de que “os coruñeses e coruñesas recoñezan o valor e a traxectoria deste evento que quere abrir a cidade á riqueza cultural de banda deseñada dos grandes referentes internacionais e tamén dar a coñecer o talento local”.
As cifras do Viñetas 2026
O festival pecha a súa edición de 2026, -aínda que durante uns días todavía se poderá visitar a mostra Eclipse de Viñetas na Casa das Ciencias- con cifras que amosan o crecente interese polo evento alimentado tras anos de traballo. Foron máis de 300.000 as visitas recibidas nos diferentes espazos do evento dende inicios do verán ata hoxe mesmo.
A mostra aínda aberta na Casa das Ciencias acumulou xa máis de 33.400 visitas nestes meses, mentres que as cifras de visitas nas salas municipais (Kiosco Alfonso, Palexco e María Pita) superan as 31.000 persoas, máis de 2000 visitas á exposición de cómic palestino na Luis Seoane e 5.000 pasaron polas Casas Museo que forman parte da rede de museos históricos municipais. Un total de preto de 72.000 visitas ás que hai que sumar as200.000 que pasaron pola Rúa BD e pola zona Gundam durante a semana grande do festival do 10 ao 16 de agosto.