El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Ernesto González Valdés
Economí­a

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación conquista Bilbao e San Sebastián

coa súa proposta A paisaxe que sabe, que une gastronomía, territorio e identidade

10-11-2026 13:35:01
Xosé Regueira.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña pechou con éxito a súa participación en Euskadi coa iniciativa de promoción gastronómica ‘A Coruña cos 5 sentidos’, unha acción impulsada pola área de Turismo que levou a Bilbao e San Sebastián a excelencia da gastronomía provincial e a calidade dos produtos agroalimentarios e pesqueiros coruñeses. As dúas citas, celebradas o luns 9 de novembro en San Mamés (Bilbao) e este martes 10 no restaurante Muka de San Sebastián, reuniron profesionais do sector hostaleiro, cociñeiros, distribuidores e medios de comunicación especializados do País Vasco. 

A protagonista da experiencia culinaria foi a chef galega Lucía Freitas, propietaria do restaurante A Tafona, cunha Estrela Michelin e tres Soles Repsol, que deseñou un menú exclusivo como homenaxe á memoria gastronómica galega e á identidade atlántica da provincia. A proposta percorreu diferentes sabores da despensa coruñesa a través de elaboracións como a pataca de polvo, o mexillón tigre, a empanada líquida, o congro de A Rosalía ou a combinación de vaca, fabas e ameixas, antes de rematar cunha sobremesa de tarta de Santiago, leite de cabra e figo. Freitas reivindicou o papel das mulleres que, xeración tras xeración, sostiveron a cociña tradicional e os sistemas alimentarios, unha filosofía que traslada ao seu proxecto ‘Amas da Terra’.

Durante a súa intervención, Xosé Regueira estableceu un paralelismo entre a filosofía do Athletic Club e a identidade gastronómica da provincia da Coruña, “dúas realidades que comparten unha maneira de entender e defender o propio desde as raíces, a autenticidade e o sentimento de pertenza”. O vicepresidente destacou que, a gastronomía coruñesa é tamén “unha expresión da historia, da cultura e da relación do territorio co seu mar e coa súa terra”. 

Regueira puxo en valor a importancia de “preservar aquilo que fai único cada lugar, desde os produtos de proximidade ata os saberes transmitidos de xeración en xeración”, e reivindicou o papel das persoas produtoras como protagonistas dunha paisaxe que tamén se expresa a través da cociña. Neste sentido, subliñou que a gastronomía é moito máis que unha oferta culinaria: “é unha maneira de contar quen somos, de mostrar a nosa identidade e de compartir coas persoas que nos visitan a autenticidade do territorio”. 

O evento contou tamén coa participación de Sonia Pérez, deputada foral de Turismo e Transportes, quen destacou as similitudes entre A Coruña e Bizkaia na súa maneira de entender e xestionar o turismo, así como a importancia do compoñente humano e das persoas que están detrás de cada proposta gastronómica. 

A iniciativa tivo unha excelente acollida entre os profesionais participantes, que puideron descubrir a riqueza dunha despensa que combina a tradición culinaria, a calidade da materia prima, a innovación e a vinculación co territorio. A proposta permitiu, ademais, establecer novas conexións co sector gastronómico vasco e reforzar a proxección da provincia como destino de turismo gastronómico.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias