El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Ernesto González Valdés
Más noticias

A CORUÑA

A Coruña acollerá o 27 de febreiro a gala da XXV edición dos Premios Mestre Mateo

10-11-2026 17:43:41
Inés Rey (e), e Lucía Veiga.

REDACCIÓN | (Noticia patrocinada por IdoVisual) A Coruña volverá ser a capital do audiovisual galego coa celebración da XXV edición dos Premios Mestre Mateo, que terá lugar o vindeiro 27 de febreiro en Palexco. O anuncio realizouse esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga. 

A gala suporá o regreso dos premios á cidade, que xa acolleu catorce edicións ao longo da súa historia, consolidando a estreita vinculación existente entre a Coruña e os principais galardóns do audiovisual galego. A primeira celebración na cidade tivo lugar en 2006, tamén en Palexco, e desde entón os Mestre Mateo pasaron por espazos como o Teatro Colón, o Palacio da Ópera, ExpoCoruña ou o Coliseum. 

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a satisfacción que supón para a cidade acoller unha edición tan especial dos premios. “A Coruña mantén unha relación histórica cos Mestre Mateo e co audiovisual galego. Recibir novamente esta gala, e facelo ademais no seu vinte e cinco aniversario, é unha magnífica noticia para a cidade e para todo o sector cultural coruñés”. 

Rey puxo en valor o momento que vive o audiovisual galego e o papel da cidade dentro deste ecosistema creativo. “A Coruña é unha cidade profundamente vinculada ao cinema e á creación audiovisual. Aquí naceron algunhas das primeiras imaxes cinematográficas do Estado e hoxe seguimos sendo escenario de rodaxes, fogar de profesionais de enorme talento e punto de encontro para a industria cultural galega”. 

A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, destacou a especial vinculación da entidade coa cidade, onde hai 25 anos celebrou a súa primeira asembleaconstitutiva: “Desde aquel primeiro momento, a colaboración e a visión estratéxica do Concello foron determinantes para que a Academia establecese aquí a súa sede permanente e construíse unha parte fundamental da súa historia. Tamén os Premios Mestre Mateo tiveron desde os seus inicios na Coruña un importante piar e un punto de referencia”. 

Veiga lembrou que, tras varias edicións de carácter itinerante que permitiron levar a gala a diferentes cidades galegas, esta XXV edición era unha ocasión especial para regresar á cidade: “Nunha edición tan especial, tiñamos claro que había que volver á casa. Cumprir 25 anos é un fito que merece unha celebración á altura. Queremos que esta edición sexa unha homenaxe a todas as persoas que construíron o audiovisual galego e, ao mesmo tempo, unha celebración do futuro do noso sector”. 

A edición de 2027 terá un carácter especialmente simbólico ao cumprirse un cuarto de século da creación dos galardóns. Ao longo destes anos, os Premios Mestre Mateo convertéronse nunha das grandes referencias culturais de Galicia e nun escaparate da excelencia, a innovación e a diversidade do sector audiovisual galego. Ademais da gala, a cidade acollerá nas próximas semanas unha programación paralela de actividades arredor do audiovisual galego, coa vontade de achegar a celebración á cidadanía e abrir novos espazos de encontro entre profesionais e público. 

Para a alcaldesa, esta cita reforza a posición da Coruña como unha das grandes cidades culturais do noroeste peninsular. “Os Mestre Mateo son moito máis que unha entrega de premios. Son unha celebración colectiva do talento galego e unha oportunidade para recoñecer o traballo dun sector que proxecta a nosa cultura dentro e fóra de Galicia. A Coruña recibiraos coa ilusión de quen sabe que o audiovisual forma parte da súa identidade e tamén do seu futuro”. 

Os Premios Mestre Mateo recoñecen anualmente os mellores traballos e profesionais do audiovisual galego e constitúen unha das citas máis relevantes do calendario cultural da comunidade.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias