REDACCIÓN | O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu un esforzo para que Galicia lle dea o 29N un “magnífico resultado” a Alberto Núñez Feijóo, “porque o merece, sabemos como é e porque Galicia e España necesitámolo”. Por iso, insiste na importancia de “dalo todo” estas dúas semanas para poñerlle fin a estes oito anos de sanchismo no Goberno.
Así o trasladou ao comezo dun xantar popular celebrado no concello de Oroso, no que tamén participaron o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a nº2 ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, exercendo de anfitrión o alcalde Alex Doval.
Rueda sinalou que Feijóo “necesita todos os votos, todos e cada un” para acadar a maioría suficiente nas urnas coa que converterse no novo presidente do Goberno, e advertiu de que “as eleccións non se gañan con enquisas”. Nesta liña, apelou a conseguir en Galicia “os mellores resultados para o PP nestas eleccións”.
“A única maneira de sacar da Moncloa a Sánchez é votando ao Partido Popular”, dixo. Así o remarcou o líder dos populares galegos, pois “votar a outras forzas, como o BNG, é apoiar a Sánchez, como demostrou estes oito anos”. De feito, “son os mesmos que apoian a aqueles que no País Vasco atacaron ao candidato de Guipuzkoa Jon Echevarría”, sinalou, facendo fincapé en que “eses son os verdadeiros fascistas, os que tiran pedras a un rapaz valente e democrático”.
O líder do PPdeG subliñou que Feijóo é o idóneo para “devolver o respecto, o sentido e a reputación a este país”, o único capaz de devolver aos cidadáns unha España “que funcione como Galicia”, con estabilidade e orzamentos e onde se constrúa vivenda. Acabando así con “oito anos de decadencia”, marcados pola corrupción, as subas de impostos e o declive dos servizos públicos.
Diego Calvo: "Saiamos a rúa e falemos con todo o mundo"
O presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, puxo en valor a importancia da estrutura municipal do partido como unha das súas principais fortalezas. “A nosa forza son os concellos, os nosos alcaldes e alcaldesas, os portavoces e todos os compañeiros que están cada día ao pé da rúa, escoitando aos veciños e dando resposta aos seus problemas”. Calvo destacou que o contacto directo coa cidadanía e o traballo diario desde os municipios son os sinais de identidade do Partido Popular e a mellor carta de presentación do seu proxecto político.
Neste sentido, animou a todos os asistentes a implicarse e mobilizarse de cara ás próximas Eleccións Xerais, subliñando que o cambio político que necesita España debe comezar tamén desde a fortaleza dos territorios. “Temos un gran partido, unha organización forte e equipos comprometidos en todos os municipios. Esa é a nosa maior vantaxe e temos que poñela ao servizo dun obxectivo común: conseguir que Alberto Núñez Feijóo chegue á Presidencia do Goberno”.
Calvo rematou facendo un chamamento á participación e ao voto: “Pídovos que saiamos á rúa, que falemos con todo o mundo e que convenzamos aos nosos veciños para encher as urnas de votos do Partido Popular e facer posible o cambio necesario”.
A número dous da candidatura ao Congreso pola provincia da Coruña, Fabiola García, pediu o voto para o Partido Popular para protexer ás mulleres, “que nos sentimos desprotexidas por parte do Goberno de España”, o que presume de “feminista” e do que “só vemos escándalos”.