El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Conchi Basilio
José Manuel López García
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón: "Estes son os orzamentos dun presidente sen ambición"

16-11-2026 14:46:31
Ana Pontón.

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, rexeitou os Orzamentos do Goberno do PP para 2027, unhas contas públicas “dun presidente sen ambición, sen proxecto de País e sen respostas aos problemas reais que hoxe teñen os galegos e as galegas”, sintetizou durante o debate orzamentario no Parlamento. 

Pontón criticou que estes orzamentos consolidan o modelo do PP que “incrementa a desigualdade e concentra a riqueza en poucas mans”, recordando neste punto que o pes dos salarios sobre o PIB é só do 44,4% fronte ao 48% da media estatal. 

“Concentran cada vez máis riqueza en menos mans, dando menos poder adquisitivo á clase traballadora nun País que ten salarios e pensións por debaixo da media”, reprochou, para afear ao Executivo que non teña nin unha soa medida real para a axudar aos miles de galegos e as galegas “que as están pasando canutas para chegar a fin de mes”. 

Neste sentido, lembrou que nun contexto no que os contribuíntes galegos máis ricos aumentaron o seu patrimonio un 117% nunha década, o Goberno de Rueda lle regale a esta minoría de ricos 40 millóns en rebaixas fiscais, mentres vende como “gran maná” unha rebaixa de 0,25 puntos no IRPF que supón só 2,7 euros ao mes para as rendas inferiores a 13.000 euros. 

Todo, engadiu, ao tempo que rebaixa o canon eólico ás eléctricas -de tal xeito que os 11 parques que hai no País só van pagar 377.000 euros cando terían que ser tres millóns de euros-, mentres nega unha tarifa eléctrica galega porque “a prioridade de Rueda é que Iberdrola se forre, en lugar de baixarlle a luz ás Pemes, aos traballadores e ás traballadoras, aos pensionistas e á mocidade”. 

“Migallas para quen menos ten e beneficios fiscais para os máis ricos”, recriminou a un Rueda ao que afeou a súa ausencia no debate orzamentario e ao que acusou de ser unha “fábrica de pobreza e desigualdade”. 

A líder nacionalista advertiu que en Galiza xa hai 600.000 persoas en risco de pobreza e exclusión social, 91.000 máis que hai un ano, sen que o Executivo tome nin unha soa medida para axudalas e, ademais, insultando e criminalizando aos milleiros de galegos e galegas que se mobilizaron na última folga xeral para defender o seu dereito a unha vivenda e a unha vida digna. 

“No noso País hai catro preocupacións fundamentais, a vivenda, a sanidade, a suba de prezos e o emprego e vostedes fracasan en todas elas”, afeou á bancada do PP Pontón, quen recordou que miles de persoas non poden pagar un alugueiro mentres o Executivo de Rueda non toma unha soa medida para solucionar esta crise, salvo a súa habitual propaganda, con anuncios constantes que nunca cumpre. 

“Onde están as 1.800 vivendas de alugueiro social que prometeron que entregarían en 2026?”, volveu preguntar ao “presidente ausente” que só entregou 98 pisos até a dous meses escasos de rematar o ano. 

En relación á sanidade, recordou que a atención primaria está nunha situación crítica logo que do recorte de 1.500 millóns do Goberno do PP que ten ademais a 100 concellos sen pediatra e a 425.000 persoas agardando por unha proba ou unha operación nos hospitais. 

Recortes que benefician á privada, como tamén acontece no ámbito dos coidados, que o PP descarga nas familias, maioritariamente nas mulleres, cun cheque-miseria de 400 euros para que “as mulleres deste País fagan o traballo que Rueda non fai con máis de 15.600 millóns de euros de orzamento”. 

Neste contexto, afirmou que as contas públicas de 2027 consolidan un modelo económico do PP que pon a riqueza galega ao servizo dos “grandes lobbies e empresas amigas do Partido Popular para que se forren”, utilizando unha vez máis a Lei de Acompañamento para rebaixar o canon eólico, favorecer a eucaliptización do País ou “manter o intento de resucitar Altri”, un intento que a sociedade galega non vai permitir, advertiu. 

A portavoz nacional tamén recriminou ao Executivo que manteña a súa aposta “subordinada e dependente de Madrid”, o que provoca que Galiza perda poboación e riqueza mentres a comunidade madrileña incrementa ano tras ano as súas. 


Triplicar a débeda, exemplo da “gran” xestión do PP

"Escoitalos presumir de boa xestión é unha broma de mal gusto cando vostedes triplicaron a débeda pública neste País mentres recortaban na sanidade, na educación ou na dependencia”, recriminou Pontón, quen recordou que Galiza estará entre as comunidades con maior custo da débeda en 2029, segundo un estudo de Fedea, que cifra a suba dos intereses de 202 millóns en 2022 a 445 por un refinanciamento máis caro. “Que grandes xestores”, ironizou, logo de preguntarse como é posible que, neste contexto, o Goberno de Rueda rexeite a quita de 4.000 millóns na débeda lograda polo BNG en Madrid. 

“Estes orzamentos non va a facilitar que se solucione o problema da vivenda, non van a eliminar as listas de espera en atención primaria, non van a facer que os nosos mozos e mozas poidan chegar a fin de mes e tampouco articulan medidas para poder facerlle fronte á crise de prezos”, resumiu, logo de lamentar que estas contas “non inclúan nin unha soa nova medida nin para apoiar á xente traballadora, nin ás Pemes, nin ás persoas autónomas, nin ás cooperativas nin á xente do agro e do mar fronte á escalada de prezos que está afogando ás familias e dificultando a economía”. 

Fronte á inacción e falta de medidas e proxecto de País, Pontón defendeu as propostas orzamentarias do BNG e que resumiu en seis grandes prioridades, a comezar por axudar a quen máis o necesita na crise de prezos, mobilizando 400 millóns para apoiar ás familias e ás Pemes, con medidas como a gratuidade dos libros de texto, o incremento das pensións non contributivas, a mellora dos servizos de conciliación, programas específicos contra a pobreza infantil ou complementando o bono térmico. 

En segundo lugar, citou como prioridade facer da vivenda un dereito real, para o que propuxo mobilizar 340 millóns de euros para destinar á compra masiva de vivendas baleiras xa construídas e poder así incorporar 1.400 vivendas de alugueiro social cada ano. “A xente non pode agardar única e exclusivamente a que se fagan máis vivendas que sabemos que en moitos casos tardarán até unha década, o problema é agora e hai que darlle solucións”, remarcou. 

O terceiro ámbito onde o BNG considera preciso actuar é no reforzo dos servizos públicos, para o que propón destinar 300 millóns de euros adicionais para atención primaria, un plan integral de saúde mental e reforzar os servizos de atención á dependencia e os programas de apoio ás persoas coidadoras. 

O cuarto piar da alternativa nacionalista pasa por defender a igualdade das mulleres, onde “non se fai o suficiente”, e concretamente a loita contra a violencia machista, destinando 140 millóns de euros á loitar contra a violencia machista e desenvolver a lexislación galega para a prevención e atención integral ás vítimas. 

“Nun momento de involución impulsado polo Partido Popular e os seus compañeiros ultras, precisamos máis políticas feministas, máis igualdade e máis liberdade, non imos permitir nin un paso atrás nos dereitos das mulleres”, subliñou. 

En quinto lugar, o Bloque aposta por reactivar o rural e o mar, dado que necesita un sector primario forte, capaz de producir e de transformar os seus propios produtos e xerar emprego mantendo vivo e coidado do territorio galego, e como sexta e última prioridade, a defensa da lingua e a cultura galegas. 

Hai dúas maneiras diferentes de ver Galiza que tamén se ven nos orzamentos, explicou, a do Partido Popular que presenta unhas contas que non confían no País e que o ven subordinado e a do BNG que ve unha Galiza con ambición e sen límites. “Fronte a Galiza minguante do Partido Popular, nós defendemos unha Galiza en grande”, concluíu.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias