REDACCIÓN | O concelleiro de Educación, Innovación Tecnolóxica e Formación, Juan Ignacio Borrego, participou hoxe na VII Feira de Emprego, organizada polo Concello e a Fundación Escola Universitaria de Relacións Laborais e Recursos Humanos (ERLAC) e que se levou a cabo no Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC. Ao acto tamén acudiron a subdelegada do Goberno, Encarna Rivas Barca, e a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC, Alsira Salgado Don.
A actividade ten como obxectivo crear un punto de encontro entre as empresas, os estudantes e persoas recentemente tituladas (tanto do ámbito universitario coma da formación profesional) e o público xeral interesado. Así, as firmas participantes organizaron postos de información para trasladar a súa forma de traballar e entrar en contacto directo con persoas que están na procura activa de emprego ou que están por saír nos vindeiros anos ao mercado laboral.
Na súa intervención, Juan Ignacio Borrego defendeu que “A Coruña é unha cidade dinámica, con universidades e centros de formación de calidade, cun tecido empresarial diverso, con capacidade innovadora e cun ecosistema emprendedor cada vez máis consolidado”, e abundou en que “esta feira é un magnífico exemplo desa colaboración, porque o emprego non se constrúe só desde unha administración, ou desde unha empresa, nin só desde un centro educativo. O emprego constrúese sumando esforzos, creando espazos de encontro e facilitando que as persoas e as organizacións poidan coñecerse, dialogar e descubrir o seu potencial mutuo”.
A xornada incluíu tamén na súa programación charlas e obradoiros orientados á busca de emprego e a achegarlle dun xeito máis detallado o traballo do tecido empresarial á cidade.