REDACCIÓN | A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron hoxe o convenio de colaboración para financiar o funcionamento da rede municipal de acollida durante 2026. Os tres recursos que xestiona o Concello dan servizo a mulleres de toda a provincia que sofren violencia de xénero, así como ás súas fillas e fillos e a outras persoas ao seu cargo.
A Casa de Acollida ofrece aloxamento temporal ás mulleres que precisan un espazo seguro e atención especializada para a súa recuperación. Pola súa banda, os dous pisos de inclusión e transición á vida autónoma ofrecen unha vivenda temporal e apoio para que as mulleres poidan vivir de forma independente e avanzar na súa incorporación social e laboral. Os tres recursos forman parte da Rede Galega de Acollemento.
O orzamento previsto para o funcionamento da casa e dos pisos en 2026 ascende a 541.254,15 euros. A Deputación financia o 22,34 % a través do seu Programa de apoio á rede de acollemento para mulleres en situación de violencia de xénero. En 2025, o Concello xustificou 490.200,66 euros en gastos de mantemento destes recursos.
O convenio contribúe a financiar os gastos de persoal do equipo que atende a casa e os pisos, integrado por unha directora, dúas educadoras sociais e nove auxiliares de acompañamento doméstico. Tamén cobre parte do custo das subministracións e da reparación e mantemento dos edificios e da maquinaria.
Na Coruña, as mulleres que precisen acollida poden acudir ao Centro de Información ás Mulleres (CIM) ou aos servizos sociais municipais. Ambos poden orientalas e tramitar a solicitude de acceso á Rede Galega de Acollemento, da que forman parte a casa e os dous pisos. Os centros de saúde e os hospitais tamén poden efectuar a derivación.