REDACCIÓN | O Concello de Lugo mantivo esta semana reunións de traballo cos equipos directivos dos centros educativos da cidade, tanto públicos como concertados, co obxectivo de coñecer de primeira man as súas propostas e necesidades e abordar posibles solucións de maneira conxunta.
Nos encontros participaron tamén os responsables dos servizos municipais de Educación e Enxeñaría, así como as coordinadoras dos comedores escolares e das actividades extraescolares.
Durante as reunións abordáronse cuestións relacionadas cos comedores escolares e co mantemento das instalacións. No caso dos centros públicos, tamén se trataron os proxectos dos comedores dos CEIP Fingoi II e Quiroga Ballesteros, así como as melloras de accesibilidade no CEIP Virxe da Soidade.
Tamén se puxeron en común as actividades educativas e culturais nas que colaboran os centros, como as visitas dos Pelúdez durante o pasado San Froilán, o concurso de cartas á Muralla, actualmente en marcha, e as visitas á Casa do Concello que se realizan os mércores. Ademais, estanse valorando novas propostas para a programación, entre elas unha actividade arredor do solsticio de inverno, cun concerto final e unha programación de maxia.
As reunións permitiron intercambiar información sobre as necesidades dos centros e manter a coordinación cos equipos directivos e cos servizos municipais implicados.