El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón pide votar por Galiza dándolle máis forza ao BNG

Para facerse respectar en Madrid e avanzar en dereitos e vida digna.

22-11-2026 16:54:41
Mitin do BNG, en Ferrol.

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou a todos os galegas e as galegas a acudir masivamente ás urnas o 29-N para darlle máis forza o BNG e que Galiza se faga respectar en Madrid, para avanzar en dereitos sociais e para loitar por unha vida digna para a maioría social, “e non só para uns poucos”, dixo en Ferrol, onde arrincou o décimo día de campaña electoral xunto ao cabeza de cartel do pola Coruña, Néstor Rego, e representantes da comarca, entre eles os candidatos ao Congreso e o Senado, Manuel Polo e Pilar Lozano respectivamente, e o candidato á alcaldía, Mon Fernández. 

“Este 29-N, se queremos que os nosos problemas teñan solucións, se queremos que as necesidades dos galegos e das galegas teñan peso en Madrid, só hai unha opción: concentrar todo o voto galego, todo o voto desas persoas que levan Galiza na cabeza e no corazón, no BNG. Porque é o voto que vai defender a vida da xente, que vai poñer a cara e o corpo para que neste País teñamos garantido o dereito a unha vida digna e iso significa emprego, investimento, traballo aquí e que nos deixen de tratar como se fosemos de segunda”, proclamou. 

Pontón advertiu contra o intento desesperado das forzas estatais para reforzar o bipartidismo que leva anos alternándose na discriminación ao País e apuntalando un modelo centralista que prexudica aos intereses dos galegos e as galegas porque a riqueza e o peso político recaen cada vez máis en Madrid. 

Pero estas eleccións, recordou, o que se elixen son os representantes de Galiza en Madrid e, no caso de Ferrol, a elección é “entre Néstor Rego e Tellado”, dixo en alusión o número cabeza de lista dos populares, que “que nin se acorda de Galiza na campaña nin se acordou durante os catro últimos anos no Congreso” porque o único que fai, dixo, é “botar sapos e culebras pola boca”. 

“O que queren son os votos e logo catro anos traballando en contra deste País”, cun Feijóo á fronte que agora presume de gran xestor pero que en Galiza “recortou na sanidade, na educación e na dependencia e, ademais, triplicou a débeda do País”. Un Feijóo que ademais garda, entre as súas grandes mentiras, a promesa incumprida dos contratos de Pémex para Ferrol. 

A portavoz nacional insistiu no moito que se xoga Galiza nestas eleccións e apelando directamente o voto desencantado coa política garantiu que “o BNG non lles vai fallar”. “Levamos anos demostrando que hai outra forma de facer política, que temos palabra, que cumprimos con este País e que defendemos a xente até o final”, alegou, para lembrar que grazas o Bloque hoxe hai descontos nas peaxes da AP-9. Para acabar coa “estafa” da AP-9 pediu tamén máis forza para o BNG neste 29-N. 

A portavoz nacional asegurou ademais que a papeleta do nacionalismo galego é a que defende o avance en dereitos sociais e unha vida digna para a maioría social, cada vez máis afogada porque os salarios non dan para chegar a fin de mes ou porque a vivenda está a prezos desorbitados. 

É por iso que apelou tamén directamente os galegos e as galegas que se mobilizaron o pasado 11-N para pedirlles que trasladen ás urnas, da man do BNG, a indignación e o descontento que se expresou nas rúas contra un modelo económico ultraliberal no que “os que máis teñen cada vez teñen máis e os traballadores e traballadoras cada vez teñen menos”. 

Un modelo, ademais, que non dubida en culpabilizar os inmigrantes dos problemas que ten a sociedade e que persegue “expremer cada vez máis á clase traballadora”, denunciou, para recordar que sen ir máis lonxe, en Galiza, está Rueda cuestionando un dereito básico como que unha persoa que está enferma non teña que ir traballar, o que é unha “absoluta indecencia”, sostivo.  

Fronte á folla de ruta dos poderosos, que promoven máis concentración da riqueza e máis desigualdade, na que se cuestiona o estado de benestar, os servizos públicos e as pensións, e os avances das mulleres, o BNG estará sempre ao lado da maioría social e da clase traballadora e contra un modelo que no Estado está ademais marcado pola corrupción. “É falso iso de que todos son iguais”, remarcou. 

“Claro que todas e todos queremos que a economía vaia ben, pero que vai ben para todos, non só para uns poucos”, subliñou, ao tempo que garantiu que o BNG nunca vai permitir un retroceso nos servizos públicos, na educación, na sanidade ou na atención á dependencia. 

“Porque o problema non é a falta de recursos, senón de prioridades”, salientou, para criticar, neste punto, que o gasto militar xa absorbe 35.000 millóns de euros _que o PP quere elevar a 50.000_ ou que o “autoproclamado goberno máis progresista da historia gasta 25 veces máis en armas que en vivenda”. “De repente chega a OTAN, di que hai que incrementr o gasto militar e os cartos aparecen debaixo das pedras”. 

“Se queremos que a prioridade sexa a vida da xente e non as armas, se queremos sanidade e non gasto militar e se queremos mellorar as pensións, o 29 de novembro hai que apostar con decisión por quen está falando claro e cuestionando ese modelo, que é o BNG. Porque queremos paz e non guerras”, recalcou, advertindo neste punto dun contexto internacional marcado por “atrocidades” como o xenocidio en Palestina e unha escalada belicista que promoven as grandes potencias e que “tamén pagamos nós, con carburantes máis caros e inflación”. 

Pontón concluíu facendo unha chamada á mobilización e apelou o espírito loitador da clase traballadora de Ferrol, das mulleres que en1918 protagonizaron unha revolta contra os especuladores de alimentos, dos traballadores de Bazán que saíron á rúa en plena dictadura para defender os seus dereitos, ou de Amador e Daniel, asasinados pola Policía franquista, que deixaron unha “semente de liberdade”.  


“Se o BNG non está, Galiza tampouco” 

O cabeza de lista do BNG pola Coruña, Néstor Rego, animou en Ferrol a “inundar as urnas de votos ao BNG para mudar este país, para facer que a Galiza avance, para máis políticas sociais e para pór un muro ao bloque reaccionario”. 

Néstor Rego insistiu na necesidade de non ficar na casa e dirixiuse ás persoas que poden estar decepcionadas porque “este Goberno non cumpriu coa vivenda, non derrogou a reforma laboral do PP, nin a Lei Mordaza, mais deben acudir a votar e pedímoslles que confíen no BNG, que collan a papeleta do BNG porque non lles defraudaremos. Temos unha bagaxe ampla de traballo cumprido coa Galiza e cos avances sociais”, mais, subliñou, “necesitamos máis forza, unha representación maior para defender mellor os intereses dos galegos e das galegas, e exixir a Madrid a cumprir coa Galiza e que non a esquezan porque se o BNG non está, a Galiza tampouco”. 

Advertiu sobre a axenda de involución social e democrática do bloque reaccionario e pediu paralo. “A única forma de paralos na Galiza é votando ao BNG porque podémoslles arrebatar escanos pola Coruña e no resto de circunscricións. 

Destacou o traballo do BNG na comarca de Ferrol destinado sobre todo a paliar a desindustrialización que padeceu esta comarca tras o fechamento de diversas empresas, con iniciativas e propostas para reindustrializar distintos sectores como o naval. Tamén puxo de manifesto a necesidade de contar cun BNG forte en Madrid para “combater calquera intención que poida haber de arrebatar a Ferrol esa fábrica de automóbiles da SAIC”, criticando a ambigüidade do PP neste tema. 

Lembrou que só o BNG exixiu un Acordo cun paquete de medidas para Galiza que trouxo importantes logros como as bonificacións de até o 75% da AP-9 e da AP-53, a transferencia da AP-9, o baipass de Betanzos que xa saíu á exposición pública para a modernización ferroviaria da conexión con Ferrol, o estudo para as cercanías, entre outras moitas medidas. Pediu depositar “toda a confianza no BNG o vindeiro 29N porque cumprimos, porque a Galiza necesítao e as maiorías sociais tamén”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias