REDACCIÓN | A Sala Bahía de Foz acolle este venres, ás 20:30 horas, A velada de Londres, a produción coa que a plataforma creativa ButacaZero rende tributo ao dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025).
A cita, incluída na programación da Rede Galega de Teatros, abre a tríade final de funcións dunha xira que arrincou coa estrea no Teatro Rosalía Castro da Coruña o pasado 4 de setembro e que pasou xa por Muros, As Pontes e Vigo, onde se esgotaron as entradas. Nesta ocasión, os tickets poderanse recoller desde media hora antes do inicio da función na billeteira.
A parada na Mariña ten un significado especial para a compañía: a homenaxe chega a poucos quilómetros do Valadouro, a terra natal dun autor que fixo do teatro unha urxencia vital e que deixou unha pegada fonda en varias xeracións da escena galega.
A compañía liderada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira -quen dirixe o espectáculo- adéntrase por vez primeira no universo de Lourenzo cun texto incluído en Veladas indecentes, o volume co que o autor se converteu en 1997 no primeiro dramaturgo galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática. Castiñeira foi axudante de dirección do propio Lourenzo nesta mesma peza en 1999; case tres décadas despois, retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.
Na peza, a trama parte do regreso de Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos e a súa experiencia obsesiva co Conde Drácula. A través dunha estética vitoriana que se vai transformando a medida que o elemento atávico se apodera do espazo, a proposta afástase do terror convencional para abordar a tensión entre a razón e os instintos, e entende a figura do vampiro como un símbolo de liberación e aceptación do desexo.
Sobre o escenario, Xurxo Cortázar, Sophia Rodal e Teo Piñeiro comparten a acción coa soprano e violonchelista Esperanza Mara, que interpreta en directo a banda sonora orixinal composta por Iago Hermo. A súa presenza fai que o público poida gozar dunha velada teatral, mais tamén musical.
Exposición didáctica sobre Lourenzo no vestíbulo
Como complemento á representación, o público que acuda á Sala Bahía poderá visitar a exposición didáctica Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, un percorrido en seis paneis pola vida profesional do dramaturgo, director, docente, editor, tradutor e actor, que axuda a comprender o seu papel na construción do teatro galego.
Tras Foz, A velada de Londres continuará no Teatro Coliseo Noela de Noia (5 de decembro) e despedirá a súa xira na Casa da Cultura de Cee (12 de decembro).
Sinopse
A velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das obsesións creativas de Manuel Lorenzo. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.
Ficha artística
.- Dirección: Xavier Castiñeira.
.- Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).
.- Banda sonora orixinal: Iago Hermo.
.- Deseño de luz: Violeta Martínez.
.- Espazo escénico: Beatriz de Vega.
.- Figurinista: Carlos Pinilla.
.- Produción e distribución: ButacaZero.
.- Produción en xira: Rubén Capelán.
.- Axudante de dirección: Nuria Montero.
.- Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.
ButacaZero
ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira coa que propoñen un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (con 9 Premios María Casares, entre eles o de mellor espectáculo), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego.