REDACCIÓN | O Concello aprobou hoxe en Xunta de Goberno Local a saída a licitación do proxecto de reforma no Coliseum, encamiñado a mellorar a seguridade do recinto creando condicións de evacuación máis óptimas e eliminando a zona de torís, agora en desuso. Da eliminación dos elementos e a disposición de novos espazos resultará unha reconfiguración do recinto que fai previsible un aumento na súa capacidade. O investimento será de case 250.000 euros e o prazo de execución, de tres meses.
“O obxectivo desta intervención é realizar as obras necesarias para mellorar as condicións de seguridade da pista do Coliseum. Isto implica reacondicionar a zona en desuso destinada a torís e habilitala como zona de saída da pista. Así mesmo, proponse a ampliación do ancho do corredor na zona de camerinos co mesmo obxecto, así como todas as obras que supón dita modificación. A reforma suporá gañar espazo libre nun dos recintos culturais máis importantes de España tanto por número de eventos como por público”, explicou a alcaldesa Inés Rey.
Dado que no edificio xa non se realizan espectáculos taurinos, optouse por reacondicionar algúns dos espazos anteriormente destinados a estes usos, en particular a zona destinada antigamente a chiqueiros e torís, para deixar unha zona diáfana, de forma que poida utilizarse para a evacuación da pista en eventos, o que supón un reforzo substancial na seguridade xeral deste recinto de gran capacidade.
Por outra banda, ampliarase tamén a saída na zona dos camerinos, gañando o máximo ancho posible no corredor, ata un mínimo de 3 metros, para mellorar as condicións de evacuación a través deste. Tamén se instalará un novo circuíto de columna seca, con varias tomas para acoplar equipamento de extinción de incendios en diferentes puntos do recinto.
Esta intervención, en definitiva, supón unha mellora nas futuras condicións de evacuación da zona da pista. Como parte do proxecto, contémplase tamén:
1.- A instalación de novas portas cortalumes.
2.- A adaptación dos sistemas de canalización e iluminación á nova configuración das zonas remodeladas.
3.- A creación de vestíbulos ao longo do corredor.
4.- A instalación de novas luminarias, tanto de iluminación xeral coma de emerxencia, e a colocación de novas tomas de corrente.
5.- A creación dunha nova saída ao exterior tras retirar o muro que actualmente pecha a antiga saída aos currais.
“En definitiva, todas as modificacións e racionalizacións que fan posible a modernización da capacidade de evacuación e a mellora da seguridade do Coliseum”, engadiu Inés Rey.
Guía de convivencia e uso para a Rede de Bibliotecas Municipais
Na Xunta de Goberno Local, aprobouse tamén a nova Guía de convivencia e uso da Rede de Bibliotecas Municipais, “un documento sen natureza normativa no que quixemos establecer unhas regras de convivencia que reforcen a misión das bibliotecas e dean garantías ás persoas usuarias para o mellor funcionamento dos espazos”, subliñou Inés Rey.
Este texto trata de establecer unhas pautas básicas de uso adecuado do servizo, de mellora na convivencia, de protección de fondos e espazos e de garantía da igualdade no acceso ás instalacións. En definitiva, configúrase como unha medida de ordenación interna do servizo público bibliotecario, dirixida a garantir o exercicio efectivo dos dereitos das persoas usuarias, o cumprimento dos seus deberes e a adecuada prestación do servizo.