REDACCIÓN | Norte Cinema Diverso dedicará a súa segunda xornada a realidades atravesadas polos prexuízos, a procura de afecto e as dificultades para vivir a propia identidade. Este xoves, no Teatro Colón, o festival coruñés ofrecerá dúas sesións.
Camiños de pedra, unha conversa desde a experiencia
A primeira sesión comezará ás 19.00 horas coa curtametraxe Mi primera Comunión, de Ángel Villahermosa. Esta comedia de once minutos segue a Pablo, que se namora dun monaguillo e descobre como a relixión se interpón na súa relación.
A continuación proxectarase Chemsex, un viaje al interior, de Emman Demar. O documental, de 70 minutos, achégase ao uso de drogas en contextos sexuais desde unha perspectiva íntima e social. A película propón comprender as experiencias das persoas implicadas e abrir unha reflexión sobre a saúde sexual, a saúde mental e o benestar.
Fernando Cayazzo, codirector do festival, explica a vontade de levar esta realidade á pantalla e á conversa co público. “O chemsex estase levando moitísima xente por diante. Falar de certas prácticas que azoutan o colectivo é aínda un tabú moi grande”, sinala.
A sesión contará cun debate no que participarán membros de CASCO, da Fundación 26 de Diciembre e Sergio, que achegará o seu testemuño sobre o chemsex. Cayazzo destaca o enfoque da película e a importancia de acompañar a proxección cun espazo de diálogo. “O documental non trata o tema con condescendencia. Nós queremos provocar o debate. Sen xulgar. Do que non se fala non existe”.
Identidades nas marxes, do descubrimento do desexo á procura dun fogar
A segunda sesión comezará ás 21.00 horas coa curtametraxe portuguesa de animación Pietra, de Cynthia Levitan. A peza aborda o amor e as relacións improbables cunha mirada sobre as persoas maiores e as identidades trans.
A produción galega Algo novo que contar, dirixida por Paula Pereira, sitúa o público nun verán compartido entre amigas. O medo ante as primeiras experiencias sexuais e os seus propios pensamentos dificultan que avance na relación.
Tamén arredor dos ritmos e das inseguridades dunha parella xira Pez al agua, de Candida Massielle Asencio Doñe.
A sesión completarase con Corren las liebres, documental de Lorena Ros protagonizado por unha muller xitana trans que tenta reconstruír a súa vida tras cumprir dez anos de condena. Para recuperar a custodia dos fillos, necesita unha casa, pero está a piques de ser desafiuzada. A solidariedade, a amizade, a arte e o humor acompáñana na súa loita por seguir adiante.
Nesta segunda sesión participarán un membro da Fundación 26 de Diciembre e a directora de Algo novo que contar, Paula Pereira.
Todas as curtametraxes do festival aspiran a gañar o premio Trini Falcés. Será o venres cando se coñeza o dictame do xurado.
As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Colón ou en ataquilla.com. O prezo é de 3,5 euros.
A organización do Norte Cinema Diverso conta coa colaboración do Concello da Coruña, a Cinemateca Pedro Zerolo, a Academia Galega Audiovisual, a Asociación Palestra e a aplicación Scruff.