El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Ernesto González Valdés
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Pontón chama os indecisos a concentrar o voto no BNG

26-11-2026 18:17:32
Ana Pontón (c).

REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, apelou as persoas indecisas para que este 29-N “collan con ilusión” a papeleta do BNG para defender en Madrid as “políticas valentes e decididas” en favor dunha vida para a maioría e de Galiza. “A papeleta do BNG é a que vai defender a dignidade dos galegos e das galegas”, asegurou durante o acto de campaña do BNG en Mesón do Vento (Ordes) xunto ao cabeza de cartel pola Coruña, Néstor Rego, e cargos da comarca. 

Nunha chamada á mobilización masiva e a concentrar o voto no BNG, Pontón asegurou que o nacionalismo galego ten “ao alcance da man” conseguir este 29-N un “resultado histórico” que lle dará máis forza en Madrid para defender os intereses de Galiza e “os dereitos, a dignidade e unha vida mellor para todo o mundo”. 

“Se facemos historia o domingo cun gran resultado para o BNG, imos ter máis peso político para defender os intereses dos galegos e das galegas, unhas vidas dignas, e tamén para impulsar políticas valentes e decidas”, recalcou. 

Políticas como a de “plantar cara ao escandaloso trato de favor que teñen as eléctricas”, dixo no acto de campaña que o BNG celebrou na subestación eléctrica de Mesón do Vento para presentar a súa proposta en materia de enerxía. “Este 29-N temos que elixir entre os que defenden os intereses das eléctricas ou o BNG, que defende que a enerxía é un ben público que ten que poñerse ao servizo da sociedade”, subliñou. 

“Este domingo hai que escoller entre os que patrocinan o espolio eólico e eléctrico deste País ou o BNG, que quere algo tan básico e de sentido común como que a enerxía que se produce en Galiza ten que servir para abaratar a factura da luz aos galegos e ás galegas ou para que teñamos maior desenvolvemento económico no País”, afondou. 

Pontón lembrou, neste punto, que as grandes eléctricas –Iberdrola, Naturgy e Endesa– tiveron en 2025 un beneficio récord de 10.500 millóns de euros, o que supón entorno a 1,2 M€ de ganancia cada hora mentres en Galiza hai 440.000 que viven en situación de pobreza enerxética. “Persoas que viven nun País rico que produce electricidade pero que non poden prender a calefacción porque os prezos son prohibitivos”, denunciou. 

Advertiu, así mesmo, que a taxa da pobreza enerxética se duplicou en Galiza precisamente “despois de que Feijóo lle dese aquel abrazo ao presidente de Iberdrola no Obradoiro nada máis ser elixido presidente da Xunta”. E por se non fose dabondo, continuou, agora o PP en Galiza quere agasallar ás enerxéticas con tres millóns de euros extra polo canon eólico. “É unha auténtica indecencia”, dixo. 

“É por iso que o 29-N temos que concentrar todo o voto galego, todo o voto que quere políticas valentes e que está farto de ver o espolio enerxético deste País ou como se quere pasar por diante da xente para que as eléctricas gañen máis”, incidiu Pontón, para destacar algunhas das propostas coas que o BNG concorre a estas eleccións, entre elas a da tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz. 

O BNG defende ademais a transferencia das competencias en enerxía ou medidas para frear o espolio depredador que impulsa o PP para as eléctricas, como a de declarar Galiza libre de eólica mariña e un modelo eólico a favor do País. A Axenda Galega do Bloque inclúe tamén o control público da enerxía a través dunha empresa pública galega. 


Un modelo de eólica mariña prexudicial para Galiza 

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou tamén en Mesón do Vento “un modelo de produción eólica profundamente negativo para Galiza e un espolio que non podemos permitir como galegos”, e reclamou unha tarifa eléctrica galega para que “as familias paguen menos pola electricidade e as empresas teñan menos custos de produción”. 

Subliñou que Galiza xa produce máis enerxía de fontes renovábeis da que consumimos, indicando que se envía para fora ao redor do 40 % da produción. “A pesar diso temos aínda ao redor de 300 proxectos eólicos na terra e no mar”, dixo. 

Criticou así os plans neste sector do Goberno, que decidiu que o 50% da potencia eólica mariña hai que instalala na costa galega, “poñendo en risco ecosistemas sensíbeis, caladoiros e cunha grande afectación ambiental, patrimonial e socio económica”. 

O candidato pola Coruña denunciou ademais “un modelo de espolio ao servizo das grandes empresas que non deixa retorno no país e subliñou que “fronte a este modelo de espolio, o BNG defende unha alternativa baseada na produción a menor escala, reducindo os impactos, máis próximos aos centros de consumo para evitar o impacto das grandes liñas de evacuación”. 

Rego reclamou un modelo que reverta no pais. “Que implique beneficios para os galegos e galegas. E un deles ten que ser que haxa unha tarifa eléctrica galega que abarate a electricidade. Se soportamos os impactos negativos tamén temos que ter algunha avantaxe” e afirmou que coa tarifa eléctrica galega as familias pagarían menos pola electricidade e as empresas terían custos de produción máis baixas. Sería un elemento dinamizador”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias