El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Lucas Ricoy
Nacional

GALICIA | POLÍTICA

Rueda pide un apoio "masivo" nas urnas a Feijóo

27-11-2026 20:05:51
Alfonso Rueda (c).

REDACCIÓN | O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, pediu hoxe un apoio “masivo” e incontestable o domingo a Alberto Núñez Feijóo, para que a partir do vindeiro luns se encargue de que España abra “un novo camiño” despois de oito anos de sanchismo, marcados pola falta de xestión e a corrupción. 

Así o dixo no mitin que pechou a campaña na provincia da Coruña, xunto ao presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e a número dous ao Congreso pola provincia, Fabiola García, e no que exerceu de anfitrión o presidente local do PP e candidato á Alcaldía, Miguel Lorenzo. Ao acto tamén asistiu a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado. 

Rueda fíxose eco de que Galicia demanda un “cambio” na Moncloa, e celebrou que chegará pasado mañá, cando pechen os colexios electorais e se reconten os votos, porque está convencido de que tanto nestas últimas semanas como no debate da véspera os españois puideron ver ao “futuro presidente do Goberno”. Un debate no que -incidiu- volveu gañar, como no cara a cara con Pedro Sánchez, e no que demostrou novamente a súa solvencia e firmeza, mentres o candidato socialista volveu aparecer desesperado, agotado e sen respostas. 

O líder do PPdeG insistiu en que agora non se pode “fallar”, no momento decisivo despois dunha campaña en positivo, tras constatar como se enchían os recintos dos mitins e como os asistentes transmitían ilusión e desexo dun novo rumbo. Unha campaña na que os representantes populares, co seu presidente á fronte, fixeron fincapé na importancia de agrupar no PP o voto tanto dos que queren ver a Feijóo na Moncloa, como de aqueles que queren ver fóra a Sánchez; na idea, en definitiva, de que aglutinando o voto coa papeleta popular, Galicia gaña, pero perde se o voto se divide, porque calquera outra opción, como apoiar ao BNG, supón apoiar a Sánchez. 

Rueda animou a votar para imprimir ese xiro de 180 graos á forma de gobernar que suporía pasar do modelo do sanchismo ao que demostrou Feijóo en Galicia durante 13 anos; votar pola decencia, polo futuro, pola honestidade e tamén pola convivencia, lembrando o exemplo do candidato por Guipúzcoa Jon Echeverría, quen se viu obrigado a facer campaña acosado e abucheado polos “matóns”. 

Do mesmo xeito que Echeverría non se botou atrás, Rueda apelou a saír o domingo a votar con forza polo Partido Popular e por Alberto Núñez Feijóo. E así -ilustrou-, abrir ese novo camiño, que vai desde Os Peares, localidade natal do candidato popular, ata Moncloa. 


Diego Calvo: "Todo o traballo ten que chegarás urnas" 

Diego Calvo puxo o broche final á campaña electoral cunha mensaxe de agradecemento, confianza e mobilización, apelando a realizar o último esforzo para que o traballo de todos estes días se traduza nunha ampla participación nas urnas este domingo. Un agradecemento que trasladou a todas as persoas que participaron na campaña, militantes, simpatizantes, candidatos e equipos locais, destacando a súa dedicación, compromiso e implicación durante estas semanas. “Quero dar as grazas a todos os que traballastes, aos que estivestes na rúa, aos que organizastes actos, aos que falastes cos veciños e aos que dedicastes o voso tempo e esforzo a este proxecto. Esta campaña é o resultado do traballo de moitísima xente”, sinalou. 

O presidente provincial do PP da Coruña insistiu na importancia de non dar nada por feito e de manter a confianza ata o último minuto. “Agora chega o momento decisivo. Todo o traballo realizado ten que chegar ás urnas. Temos que converter cada conversación, cada compromiso e cada esforzo nun voto este domingo”.Neste sentido, fixo un chamamento á participación e pediu a todos os votantes que acudan a exercer o seu dereito ao voto: “O domingo non pode quedar ninguén na casa. É fundamental acudir ás urnas, participar e facer que a nosa voz se escoite”. 

Calvo concluíu cunha mensaxe de confianza na mobilización da provincia: “A Coruña e a súa provincia non van fallar. Confiamos na nosa xente, no traballo realizado e no compromiso de todos. Agora toca dar o último paso: chegar ao domingo, votar e encher as urnas”. “Grazas a todos polo voso traballo. Confiemos, participemos e fagamos que o esforzo de toda a campaña se vexa reflectido nas urnas este domingo”, concluíu. 


Fabiola García: "Temos que ir unidos e sumar forzas" 

Pola súa banda, Fabiola García trasladou a súa satisfacción pola ilusión e as ganas de cambio que percibiu ao longo da campaña electoral, na que destacou a implicación da xente e o ambiente de mobilización que se foi creando nos distintos actos e encontros coa cidadanía. “Noto ilusión, ganas e, sobre todo, moitas ganas de cambio. Percíbese na rúa, nas conversas coa xente e no entusiasmo de todos os que están traballando nesta campaña”, sinalou. 

García insistiu en que agora chega o momento de facer o último esforzo. “Non podemos baixar a garda. Estamos na recta final e temos que chegar ata o último minuto, mantendo a mesma ilusión e as mesmas ganas do primeiro día”. Neste sentido, animou a todos os cidadáns a acudir ás urnas este domingo con confianza e seguridade, facendo un chamamento a concentrar o voto. “É o momento de unir, de sumar e de votar con confianza no proxecto que queremos para o futuro”. Finalmente, apelou á mobilización e á importancia de que todo o traballo realizado durante estas semanas teña continuidade nas urnas: “Temos que ir unidos, sumar forzas e facer o último esforzo. Unidos podemos acadar o noso obxectivo”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias