REDACCIÓN | A alcaldesa, Inés Rey, abriu hoxe na Fundación ONCE a xornada ‘Violencia vicaria: identificar, previr e actuar’, que contou coa participación dun amplo panel de expertas e afondou sobre un problema estreitamente relacionado coa violencia de xénero.
Na súa intervención, a alcaldesa reivindicou a necesidade de tomar medidas drásticas para combater este drama, cunha acción institucional que sexa decidida e valente. “Non é momento de discursos equidistantes ou de minimizar as consecuencias deste drama intolerable. É o tempo de actuar. Sen escusas. A violencia vicaria non é un conflito familiar máis. É violencia machista que usa as fillas e os fillos para seguir controlando e ferindo as nais, durante anos”, apuntou.
Ademais, tamén avogou por aumentar substancialmente os recursos para a prevención e a asistencia ás vítimas, actualizando protocolos e alcanzando desde a proximidade e a vixilancia a todas as persoas en situación de risco. “A protección das nenas e nenos é o primeiro deber colectivo de todos. Da cidadanía e das institucións. Un país que non é capaz de protexer os seus membros máis indefensos é un país inxusto e incompleto. Galicia deu un paso na boa dirección no 2021, coa aprobación unánime da Lei 14/2021, que recoñece explicitamente a violencia vicaria dentro da prevención e tratamento integral contra a violencia de xénero, e que aumenta a asistencia ás vítimas e os recursos empregados”, engadiu.
Completaron o cartel profesionais como Isabel Giménez (xuíza que presidiu a comisión de expertas da reforma da LOPIVI); Andrea Cabezas (avogada e presidenta de Stop Violencia Vicaria); Zaida Robles (psicóloga clínica do programa de Meniños para menores vítimas); Ana Carracedo (Colexio de Traballo Social); Ana María González Lupión (Mujeres Libres, Mujeres en Paz) e Cristina Fallarás (xornalista).