Simular a realidade para coñecela mellor. Con ese obxectivo nacía o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) hai xa 14 anos. Botando man do cálculo intensivo e da comunicación avanzada, o Cesga comezou a prestar os seus servizos na tentativa de adiviñar o devir de fenómenos naturais imposibles de ser observados no laboratorio porque a súa duración se limita a milésimas de segundo. Os ordenadores toman entón o relevo de probetas e microscopios, xa que as simulacións recrean unha situación ideal na que é posible acelerar ou ralentizar o tempo. Con esta idea, no 1991 os investigadores galegos coincidiron co goberno da Xunta na necesidade da supercomputación. Os dous intuíron xa daquela a oportunidade que suporía para Galicia a creación dun centro destas características, ?xa que no conxunto do estado unicamente estaba en funcionamento o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)?, tal e como explica Javier García Tobío, director xerente do Cesga. Daquela aposta pola innovación naceu o centro de supercomputación, que botaría a andar dous anos máis tarde. Dende entón e ata hoxe a metodoloxía empregada segue a ser a mesma: un investigador enuncia un problema e moitas solucións en forma de hipóteses, que son probadas polos especialistas en supercomputación para darlles o visto bo ou, pola contra, botalas abaixo. Os físicos e químicos son os ?máis adictos? ós ordenadores do CESGA. Os seus campos fixéronse moito máis complexos nas últimas décadas ata superar a capacidade de cálculo do cerebro humano. Novos estudos sobre a localización de fontes de enerxía, deseño de novos fármacos ou materiais ou simulación de mecanismos de prevención de lumes serían imposibles sen estas máquinas. Finisterrae, o supercomputador galego Dende o Cesga, e sempre con software libre, deseñouse unha plataforma capaz de articular diferentes proxectos científicos, aplicando os cálculos e as simulacións que os investigadores necesitaban. Proxectos que permitiron, por exemplo, o programa de asistencia a lesionados medulares, ?Un programa de ordenador que lle permite ó lesionado mover o rato coa cabeza, ou mesmo cos ollos, para posibilitarlle o acceso ó ensino?, segundo aclara seu director xerente. Os resultados son óptimos e nun futuro implantarase noutros complexos hospitalarios do estado. Pero ó final, todas as iniciativas chocaban cunha gran traba: a comunidade investigadora do Cesga precisaba de máis capacidade de cálculo.Así xurdiu unha idea tola pero que co tempo se plasmou nunha das apostas máis fortes da comunidade: dotar a Galicia dun dos supercomputadores ma´si potentes do mundo. Así naceu o Finisterrae, anunciado en marzo do 2006. Vindicouse unha resposta a esas necesidades que abrise ó mesmo tempo unha porta á interrelación con grupos de investigación con peso no panorama internacional. E a Xunta decidiu apostar forte: en marzo do 2006 sóubose que Galicia albergará un dos supercomputadores máis potentes do mundo. E a esta prodixiosa máquina chamáronlle Finisterrae. Na procura desta infraestrutura singular a nivel estatal e europeo xorden as primeiras dificultades, derivadas da falta de apoio inicial do Goberno estatal. Segundo lembra o Director Xeral de Investigación e Desenvolvemento, Salustiano Mato de la Iglesia, ?conseguimos convencer a empresas coma HP ou Intel e ós americanos de que Galicia tiña oportunidades, pero en Madrid chocou a idea dun centro potente de investigación no noso país?. A implicación do Estado acadouse finalmente, pero o esforzo e os recursos para dar os primeiros pasos miraron sempre cara territorio galego. O impulso que Intel e HP quixeron darlle ás posibilidades tecnolóxicas de Galicia foi forte. Unha vez escoitado o plan de actuación do Cesga, Intel comezou a promocionar acceso ó último dos seus procesadores, que non está aínda no mercado, así coma ós seus laboratorios. A maiores, no centro de supercomputación deséñanse os programas de acordo con informacións que hoxe son confidenciais. Pero HP foi un pouco máis alá, e fixou no noso país un organismo de competencias de cálculo intensivo. Deste xeito, ábrese ó redor do supercomputador unha liña estratéxica de investigación única a nivel internacional. E o núcleo desta liña é o Finisterrae. Trátase dun computador ?cunha capacidade de cálculo equivalente á de trinta mil ordenadores convencionais?. Pero a súa singularidade reside na gran capacidade de memoria. O Finisterrae será o único ordenador operativo en territorio español ?capaz de recibir un problema moi grande e resolvelo sen dividilo? asegura Javier García Tobío. Así, o computador catalán Mare Nostrum confórmase a partir de unidades máis pequenas, de tal xeito que cada problema se desfai en partes para distribuílas entre as unidades, ?pero hai problemas que non poden dividirse?, explica o director xerente do Cesga. A día de hoxe, o supercomputador non é máis ca un puzzle con pezas que se están xuntando en Alemaña. O deseño rematou hai cinco meses e agora son os investigadores de HP e Intel os que lle dan forma para que en outubro o Cesga faga as primeiras probas. Segundo as estimacións de García Tobío, ?a máquina comezará a funcionar no primeiro trimestre do 2008?. Aplicacións O Finisterrae permitirá traballar máis rápido nos proxectos nos que agora está mergullado o centro galego, pero as súas aplicacións van máis alá. A longo prazo, Galicia poderá colaborar no deseño de fármacos para combater enfermidades coma a malaria, e traballar polo aproveitamento dos recursos enerxéticos que pare o noso país e procurar outros novos para explotalos. Así mesmo, unha lacra que o noso país revive cada verán, os incendios forestais, poderá paliarse grazas á tecnoloxía deste computador: mediante fotos tomadas vía satélite e os datos da forza do vento poderá adiviñarse por onde atallar o lume para frear o seu avance. Pero estas son só algunhas das utilidades dun computador que tornará competitiva a situación de Galicia nos proxectos internacionais de índole tecnolóxica. Este país, que ata o de agora foi ?o gran esquecido, aquel recuncho onde existe capacidade de sobra pero onde ninguén quixo apostar polo eido da comunicación?, como o define Salustiano Mato, pode situarse entre as rexións que máis aposten pola investigación. Así o determinan os últimos indicadores de innovación europeos, que concibe á nosa coma unha rexión start up, das que aínda está medrando, pero que avanza a pasos axigantados moi por enriba da media. Pese a todo, o director xerente do Cesga recoñece que ?para nós o máis importante son as cabezas pensantes?. O Finisterrae instalarase, e permitirá grandes adiantos, pero pasados uns cantos anos tornarase obsoleto. Sen embargo, do contacto dos investigadores coa industria punteira en supercomputación a nivel mundial dependerá o éxito ou o fracaso dun ambicioso proxecto que pretende facer de Galicia un país moderno, que explota os recursos que produce para avanzar e redundar no propio beneficio.