Sociedad
A décima edición do salón do cómic galego centrarase na novela gráfica
06-08-2007
A décima edición de "Viñetas desde o Atlántico" traerá por primeira vez á Coruña a un autor xaponés. Trátase de Yoshihiro Tatsumi, o primeiro autor de manga publicado en España. Entre o 14 e o 19 de agosto, o salón do cómic galego recibirá a un elenco internacional de luxo, entre os que figuran o debuxante Tim Sale, de moda pola serie 'Heroes', e Jeff Smith, autor de 'Bone', un dos últimos fenómenos da banda deseñada.
Carlos Portela, director do evento, salienta ademais a presenza de debuxantes de países descoñecidos en canto á produción de cómic. A israelita Rutu Modan, autora da novela gráfica 'Metralla', achegará o modo de creación nun país inmerso en atentados continuos.
Xunto a eles, autores como Étienne Davodeau, Linda Medley, Juanjo Sáez, Sergi Sanjulian, Jean-Louis Tripp e Santiago Valenzuela participarán na feira con charlas, sinatura de exemplares e exposicións sobre as súas respectivas obras.
As xornadas arrancan o próximo martes, día 14, coa presentación do número 10 de Polaqia, recentemente premiado como mellor fanzine do Estado no Saló del Cómic de Barcelona. Este mesmo día, Álvaro Pons ofrecerá unha charla sobre a novela gráfica, que protagoniza a décima edición de 'Viñetas', e máis tarde será Tim Sale quen intervirá ante o público.
Ao día seguinte, Difusora de Letras presentará o primeiro xogo de rol en galego, 'As crónicas de Gáidil', de Nacho Rodríguez e Pablo Fernández, con ilustracións de Víctor Rivas. Antonio Martín falará do tebeo político durante a transición, tema ao que se dedica unha exposición dentro da programación da feira. Fausto Isorna presentará ademais outra mostra sobre as portadas da revista Golfiño, e máis tarde agárdase a presenza de Tripp.
Ata o sábado, presentaranse novas publicacións, como a monografía da Universidade de Santiago sobre banda deseñada galega, ou do libro 'Corto Maltés', de Ángel de la Calle, e poderase asistir a conferencias dos artistas convidados.
Novela gráfica
?A novela gráfica está a adquirir unha grande popularidade nos últimos anos, e mesmo editoriais xeralistas, como Mondadori, están recuperando clásicos deste xénero, como Maus?. Así xustifica Portela a especial relevancia da novela gráfica nesta décima edición.
Neste eido, destaca a presenza de Rutu Modan e do español Juanjo Sáez, autor de obras como 'Viviendo del cuento' ou 'El Arte, conversaciones imaginarias con mi madre', ?consideradas como ensaios de arte pero que realmente son novelas gráficas?.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias