30-08-2007
A Consellería de Cultura abrirá expediente sancionador aos propietarios do Pazo de Meirás, herdeiros de Francisco Franco, por impediren a entrada dun equipo de técnicos da Conselería para realizar unha inspección do pazo. Segundo indicou o departamento que dirixe Ánxela Bugallo, a obstrucción está considerada como infracción e pode ser sancionada con ata 60.000 euros.
Cultura recorrerá ademais á vía xudicial para poder realizar unha inspección á que di ter dereito, "xa que o pazo figura no Inventario do Patrimonio Cultural de Galiza".
A Consellería fixou a data de hoxe para a inspección trala "reiterada falta de resposta" por parte dos propietarios do Pazo de Meirás para permitir a entrada dos técnicos.
A decisión comunicáraselles por burofax aos propietarios o pasado día 23 de agosto, cun escrito dirixido a Carmen Franco no que a Consellería constata os "infructuosos intentos" levados a cabo pola Dirección Xeral de Patrimonio para concertar a data de visita ao Pazo de Meirás.
Nese mesmo texto, Cultura comunicaba a presenza dun equipo de técnicos o día 30 de agosto ás 10.30 horas para comprobar o estado actual edificios e do seu contorno, determinar o seu nivel de conservación e realizar unha reportaxe fotográfica.
Estes datos deberían ser analizados polo persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e engadirse á restante documentación que nos últimos meses a Dirección Xeral recabou tocante á historia e ao valor do pazo.
Unha vez analizada toda a documentación, a Dirección Xeral avaliará se o Pazo de Meirás reúne as condicións suficientes para ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC). En caso positivo, presentaríase un proxecto de declaración que incluiría, ademais dunha exposición dos motivos, o nivel de protección do pazo e do seu contorno.
Malia o aviso da visita, un avogado que se identificou como voceiro dos propietarios negoulle hoxe a entrada ao equipo técnico, formado por unha arquitecta, un arqueólogo e unha historiadora da arte, e informounos de que os propietarios interpuxeran onte un recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para negar a entrada.
Sanción
A denegación de entrada constitúe, segundo informa Cultura nun comunicado, unha infracción. A Consellería iniciará automaticamente un expediente sancionador, tal como advertía no burofax. A infracción considerada leve en materia de patrimonio cultural pode ter como consecuencia unha sanción de ata 60.000 euros.
Ademais da apertura do expediente sancionador, a Consellaría recorrerá á vía xudicial para poder exercer o seu dereito do inspección do pazo. Os servizos xurídicos de Cultura xa a están a traballar para solicitar unha autorización xudicial que permita a execución desa inspección. Nos vindeiros días solicitarase esa autorización no xulgado contencioso-administrativo.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias