A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, afirmou en resposta aos medios de comunicación que solicitará a súa propia comparecencia na comisión de investigación da Cidade da Cultura. Tralo acto de presentación da nova tempada do Centro Dramático Galego en Santiago, Bugallo indicou á prensa que a comisión deberá indicar "que documentación vai precisar", para o que probablemente cumprirá "artellar mecanismos para poder facer ese envío de documentación". Con respecto á xestión actual do proxecto do Monte Gaiás, Bugallo salientou que o propio Consello de Contas fala de "descontrol e desgoberno" na etapa anterior ao Goberno actual, mentres que pola súa parte "non puido ser máis transparente". Bugallo apoiouse nas tres comparecencias parlamentarias ofrecidas ao respecto da Cidade da Cultura dende a súa entrada no Executivo galego. Ao tempo, lembrou que a execución das obras "segue a un ritmo bastante rápido, que supera xa o 50 por cento", despois de tomar o proxecto "con retrasos de 15 meses". Así mesmo, aclarou que malia a creación da comisión de investigación, a Cidade da Cultura "vaise seguir desenvolvendo con normalidade", e que o seu departamento "se sente reforzado por todo o Goberno". Pazo de Meirás Por outra banda, a titular de Cultura prevé ter "unha resolución pronto" da solicitude presentada esta mesma semana polo seu departamento para que o xulgado fixe unha data de entrada dos técnicos da Consellería ao Pazo de Meirás. O equipo de expertos da Dirección Xeral de Patrimonio intentou sen éxito entrar no Pazo de Meirás, pertencente á familia Franco, o pasado 30 de agosto para obter a documentación precisa para a súa posible declaración como Ben de Interese Cultural. Ante a obstrución, a Consellaría iniciou a apertura dun expediente sancionador que pode ter como consecuencia unha multa de ata 60.000 euros.