O Parlamento galego aprobou hoxe a Lei de Orzamentos de Galicia para o ano 2008 co que finaliza o proceso de tramitación iniciado o pasado 19 de outubro coa entrega do proxecto no Parlamento. As Contas Públicas recollen un crecemento do gasto non financeiro do 7,3% ata os 10.960 millóns de euros, e oriéntanse ao impulso do crecemento económico e á creación de emprego a partir dun forte impulso aos investimentos produtivos e ás políticas sociais. Os terceiros orzamentos do Goberno desenvolven, amplían e intensifican os eixes da acción de goberno formulados en 2005 cando se iniciou unha profunda reorientación da política económica dirixida á mellora da competitividade da economía galega a través dunha clara aposta pola educación, a innovación e as infraestruturas produtivas. Nesa liña de impulsar o investimento produtivo e as políticas sociais, os orzamentos de Galicia para o próximo exercicio destinan máis das tres cuartas partes do incremento do gasto a programas de impulso produtivo e dinamización económica, así como ás areas sociais. Sanidade, Traballo e Vicepresidencia absorben o 49% do gasto, aos que se engaden as partidas dedicadas a Educación, Vivenda e Política Territorial para explicar o 80% do incremento do gasto do ano que ven. O importante esforzo investidor é outro dos piares das Contas Públicas que acada un investimento consolidado de 3.165 millóns de euros e supón que un de cada catro euros do orzamento se destina a reforzar o stock de capital produtivo. O investimento medio por habitante en Galicia supera ao español nun 40%. A nova política económica e orzamentaria do Goberno galego persegue renovar as bases da competitividade da economía galega aumentando o seu potencial de crecemento e a produtividade; ademais de reforzar a cohesión social, a través do coñecemento, a innovación, e a potenciación do capital humano. O crecemento económico derivado destes factores de desenvolvemento ?ligados á Axenda de Lisboa? oriéntanse á mellora da calidade de vida da poboación galega, ao avance na cohesión social e territorial, e ao aseguramento da sostibilidade, tanto en termos económicos como ambientais.