20-12-2007
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, salientou que a actividade emprendedora ten un papel crucial no crecemento económico e na dinamización da Comunidade galega, posto que, segundo explicou o emprendemento "é o motor da innovación, a competitividade, a creación de emprego e o crecemento económico".
Así o explicou na presentación do Informe Globarl Entrepreneurship Monitor (GEM) Galicia 2006, do que resaltou que permite contar cunha valiosa ferramenta de medición da evolución da actividade emprendedora e da efectividade das iniciativas públicas nesta materia. O informe revela, segundo expuxo, a crecente actitude emprendedora rexistrada en Galicia e, particularmente, a maior predisposición a crear empresas das mulleres galegas, que supera en cinco puntos á media estatal.
Na súa intervención Fernández Antonio subliñou a estratexia do Goberno galego para impulsar a cultura emprendedora polos seus positivos efectos sobre o crecemento económico. "Non é o mesmo unha idea que un proxecto", explicou o conselleiro, para salientar que a formación e o asesoramento aos emprendedores é un dos mecanismos de apoio da Administración ao través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), xunto cos servizos de información e os distintos instrumentos financeiros. Neste último aspecto, o conselleiro salientou as fórmulas de capital risco, e concretamente o Fondo Emprende xestionado por Xesgalicia, como exemplo da estratexia de "compartir o risco cos empresarios".
No ámbito do asesoramento ao emprendedor, Fernández Antonio destacou a rede de Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT), ao través dos que os emprendedores poden tramitar os seus proxectos de empresa. Neste sentido, aludiu ao posibilidade de crear unha empresa en 24 horas grazas á fórmula do Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE). Galicia ocupa un lugar punteiro nesta fórmula de creación de empresas pola vía telemática, con máis de 600 empresas creadas, o 21,6% do total estatal.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias