O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) subvencionará préstamos por un importe de ata 20 millóns de euros destinados á produción audiovisual e á adquisición de equipamentos por pemes deste sector. Así o contempla o convenio que asinou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Instituto, José Ramón Fernández Antonio, cos representantes das sociedades de garantía recíproca galegas ?Afigal e Sogarpo?, de Audiovisual SGR e das seguintes entidades financeiras colaboradoras: Banco Pastor, Caixa Galicia, Caixanova, Banco Gallego, Banco Espírito Santo, ?La Caixa?, Banco Popular Español, Banesto, BBVA, Banco Sabadell, Banco de Galicia, Caja España, Banco Caixa Geral, Banco Santander, Bancaja, Banco Etcheverría, Bankinter, Ibercaja . Mediante a liña para apoiar a produción audiovisual, o Igape subsidiará préstamos por un importe global de ata 15 millóns de euros destinados a financiar producións audiovisuais participadas por produtoras galegas como longametraxes, películas para televisión, documentais, animación, mini?series de fición, programas piloto e producións de contidos interactivos. Esta nova liña de financiamento facilitará a concesión de préstamos por importe de ata 900.000 euros por operación e un máximo de 1,5 millóns de euros de máximo risco vivo por empresa beneficiaria. Estes préstamos subsidiados polo Igape terán uns prazos de 3 a 5 años. A través da liña para apoiar a industria audiovisual, o Igape subsidiará préstamos por importe conxunto de ata 5 millóns de euros para financiar investimentos en bens de equipo realizados por pequenas e medianas empresas do sector audiovisual galego e da súa industria auxiliar. Neste caso, os préstamos poderán oscilar entre un mínimo de 25.000 e un máximo de 300.000 euros, e os prazos poderán ser de 5 a 7 anos. Para os préstamos formalizados no segundo semestre de 2007, o xuro de referencia será do 5%, ao que se lle restarán os 1,5 puntos de subsidiación que aportará o Igape. Para os sucesivos semestres, o xuro efectivo será o resultante de restar esa subsidiación dun xuro de referencia marcado polo Euríbor+0,5 puntos. Estas dúas novas liñas de financiamento veñen sumarse a outros instrumentos do Igape para este sector como son a liña de préstamos directos do Instituto para producións audiovisuais, na que se concederon polo de agora préstamos por importe de 6 millóns de euros, ou o capital risco, a través de Xesgalicia, que xa participa en produtoras galegas como Filmax, Dygra, Deboura, Aldea Films, Ibysa e Continental. Xesgalicia impulsa ademais, xunto con Caixa Galicia, unha nova sociedade especializada nas participacións a risco en producións audiovisuais galegas. Tal e como se vén de aprobar no Consello de Administración de Xesgalicia, ese acordo ten por obxecto constituír unha sociedade mercantil destinada a coparticipar en proxectos de produción cinematográfica galega con vocación comercial. A nova sociedade nacerá cun capital de 3 millóns de euros e contará coa participación de Gescaixa Galicia nun 51% e da Xunta nun 49%. Proxectos colectivos Ata o momento, as empresas do audiovisual galego podían acollerse ao marco xeral de apoios do Igape. O sector ten acadado ademais o apoio do Instituto para proxectos colectivos impulsados polo Clúster do audiovisual e financiados, a través de instrumentos como o Plan de Consolidación e Competitividade da Peme (PCCP); proxectos destinados á creación dunha plataforma web que serve como comunidade virtual do propio clúster, ou para fomentar unha dinámica de intercambio de experiencias entre os clusters estratéxicos de Galicia. En datas máis recentes, o Igape tamén decidiu apoiar a elaboración do plan estratéxico do clúster do audiovisual, que aglutina a 46 empresas cunha facturación que rolda os 98 millóns de euros. A Consellería de Economía e Facenda a través do Igape ten reforzado o seu apoio aos sectores vinculados á sociedade da información e o coñecemento. No caso das novas liñas de financiamento, trátase dun instrumento innovador para a produción audiovisual en Galicia que quere impulsar a produción audiovisual e promover os investimentos na modernización e mellora dos equipos técnicos. É unha medida complementaria que vai permitir a promoción da produción audiovisual galega, así como proxectar a imaxe da Comunidade, posto que o cine é, hoxe en día, un dos instrumentos máis válidos para a promoción da identidade e para pór en valor a diversidade cultural do territorio galego.