Galicia lanza "Whyville.es", unha cidade virtual hispana dentro da comunidade web de orixe norteamericana ?Whyville.net?, que comezará dende Galicia a súa adaptación e desenvolvemento ao espazo castelán?falante. A Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FSC) xestionou o acordo asinado en Santiago polos representantes dos catro socios que constituirán a empresa promotora que se ubicará en Galicia. Xesgalicia ?entidade xestora de fondos de capital risco da Xunta de Galicia?, a Fundación Bankinter, Ibermática, e Numedeon ?firma con sede en California propietaria de Whyville.net? serán socios ?cun 25% cada un? da nova compañía que se constituirá cun capital inicial de 2 millóns de euros e que iniciará o seu desenvolvemento en 2008. O acordo foi asinado polo conselleiro de Economía e Facenda e presidente de Xesgalicia, José Ramón Fernández Antonio; o director xeral de Bankinter e responsable da área de Innovación da entidade, Fernando Alfaro Águila Real; o director xeral adxunto, Fernando Olmos, e o presidente de Numedeon Inc.e fundador de Whyville.net, James M. Bower. Ao acto tamén asistiron a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; e o vicepresidente executivo da FSC, Javier Riera. Galicia acadou a atracción deste proxecto fronte a outras comunidades que competían por el, e que comezará a desenvolverse o próximo ano en centros de ensino públicos galegos. O obxectivo da versión hispana de "Whyville" é desenvolver unha plataforma educativa que utilice as novas tecnoloxías para aprender xogando. A ferramenta persegue xerar unha dinámica de funcionamento baseada na interacción de nenos e xoves, mestres e educadores, e pais; polo que a implicación da comunidade educativa é moi importante. Neste sentido, a participación da Consellería de Educación permitirá a implantación do proxecto nunha vintena de centros galegos ?tanto de Primaria como de Secundaria? nunha primeira fase. Ademais, ?Whyville.es? estará aberto a entidades públicas e privadas que queiran participar por medio de actividades específicas que teñan un obxectivo educativo. "Whyville.es" está dirixido ao grupo de nenos entre 8 e 15 anos que poderán crear o seu ?avatar? no mundo virtual e participar en xogos didácticos de distintas disciplinas científicas e artísticas. Así, os nenos desenvolverán a súa natureza creativa e innovadora á vez que adquiren coñecementos e habilidades en terreos como as matemáticas, a física, ou a aprendizaxe de idiomas. Ademais, impulsará o espírito emprendedor dos nenos e facilitará a mestres e educadores a utilización das novas tecnoloxías para desenvolver novos métodos de ensinanza. Impulso da sociedade do coñecemento Xunto co principal obxectivo socio?educativo, o proxecto impulsado pola Xunta de Galicia, a Fundación Bankinter, Ibermática e Numedeon implica tamén unha salientable vertente tecnolóxica e empresarial, polo seu potencial de creación de actividade e emprego no sector da enxeñería de software, deseño gráfico, e mesmo no ámbito da lingüística. Así, o proceso de adaptación do mundo ?Whyville? ao entorno hispano e a creación de sitios web temáticos dentro de ?Whyville.es? abre posibilidades no ámbito da xeración de tecnoloxía e da xeración de contidos; así como no ámbito da participación de entidades públicas e privadas. A educación e a formación do capital humano; o impulso da sociedade do coñecemento, a aplicación e extensión das novas tecnoloxías e a utilización selectiva dos recursos públicos no apoio á proxectos novidosos e potencialmente beneficiosos en termos sociais e económicos, son prioridades do Goberno galego que se materializan neste caso a través de Xesgalicia ?dependente da Consellería de Economía e Facenda? e da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A participación da xestora de fondos de capital risco da Xunta materializase a través do Fondo Emprende, e reflicte a estratexia de impulso do capital risco como fórmula de financiamento de proxectos empresariais e emprendedores.