A creación dunha Comisión Mixta entre a Federación Galega de Caixas de Aforro e a Xunta de Galicia permitirá dispoñer dun marco de carácter permanente para orientar a actuación das entidades en materia de Obra Social. Así o asegurou o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen asegurou que a comisión será un "instrumento de diálogo e colaboración para a valoración das liñas preferentes de actividade a desenvolver pola obra social das caixas". O conselleiro asinou o convenio polo que se crea a devandita Comisión Mixta co presidente da Federación de Galega de Caixas de Aforro e presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela. Ao acto tamén asistiron o director xeral de Política Financeira, Eugenio García Lalinde; o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso; o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez; e o director xeral de Caixanova, José Luis Pego. A Comisión Mixta que presidirá o conselleiro de Economía e Facenda, estará integrada polos presidentes e directores xerais das caixas, xunto cos representantes da consellería. O obxectivo da mesma, segundo subliñou Fernández Antonio, é o de establecer un marco de relación de carácter permanente entre a Administración e as entidades financeiras que sirva de instrumento de diálogo e colaboración na valoración das liñas preferentes de actividade nesta materia. Neste sentido, o conselleiro sinalou os ámbitos asistencial, formativo e tecnolóxico como prioritarios para as actuacións das caixas, aínda que tamén subliñou que se terán en conta outras áreas con "especial incidencia no desenvolvemento socioeconómico de Galicia". A creación da comisión, explicou o conselleiro, permitirá mellorar a eficacia das actuacións da Obra Social das caixas de aforro galego, que o ano pasado destinaron 118 millóns de euros a actuacións de cultura, asistencia social e sanitaria, educación e investigación, e patrimonio histórico e natural. Ademais, engadiu, a iniciativa permitirá "aproveitar ao máximo as sinerxias que derivan da coordinación e incrementar a eficiencia nas relacións", grazas a ese labor de diálogo sobre as necesidades e prioridades nas áreas de actuación da obra social das caixas O conselleiro tamén aludiu ao papel destas entidades que, segundo dixo, están a xogar un papel de liderado no sistema financeiro e mesmo constitúen unha garantía de solvencia e estabilidade. Crecemento dun 4,2% do PIB no terceiro trimestre Fernández Antonio salientou, neste sentido, que segundo o último Informe Global sobre Estabilidade Financeira do Fondo Monetario Internacional, a taxa de morosidade do sistema financeiro español están entre as máis baixas de Europa. Así, o informe sinala para España unha taxa do 0,6%, case sete veces menor que Alemaña, cun 4%, e significativamente por baixo de Italia (5,3%) e Francia (3,2%). Ademais, engadiu o conselleiro, a taxa de morosidade dos créditos con garantía hipotecaria é 30 veces menor que os do segmento subprime dos Estados Unidos. O conselleiro tamén aludiu aos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística sobre a estimación de avance da Contabilidade Trimestral de Galicia correspondente ao terceiro trimestre. O IGE atribúe un crecemento do PIB xerado pola economía galega nese período do 4,2%, o que supón catro décimas máis que o estimado para o conxunto de España (3,8%), e 1,3 puntos por riba do rexistrado na Unión Europea (2,9%). Esta boa evolución do crecemento da economía galega susténtase, segundo explicou o conselleiro, "no bo comportamento do sector industrial, dos servizos, a das exportacións".