El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
Ernesto González Valdés
José Manuel López García

A Xunta pon en marcha catorce centros de día con 400 plazas

04-01-2008

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, destacou en Vigo durante a presentación dos 14 novos centros integrados na Rede Galega de Centros de Día que son o "resultado dun compromiso, dunha idea de país e dun esforzo de xestión na implantación do Sistema Galego do Benestar". Para Quintana é o resultado dun compromiso coas persoas maiores e coas súas familias, xa que "son centros pensados para ofrecer unha atención terapéutica integral, que fomenten a autonomía dos maiores e garanta a súa permanencia no seu contorno de referencia, un recurso de proximidade e de calidade que busca retrasar o máis posible as situacións de dependencia". O vicepresidente da Xunta fixo estas declaracións en Vigo na presentación desta rede que está a por en marcha a Vicepresidencia e que comprende os centros de Boiro, Carnota, Oleiros e Outes na Coruña, Monforte de Lemos e Ribadeo en Lugo, Coles, Rairiz de Veiga e Taboadela en Ourense e Cerdedo, As Neves, Portas, Valga e Vigo en Pontevedra. A posta en marcha destes 14 centros supoñen a creación de 400 novas prazas e de 136 postos de traballo. A rede galega de centros de día xunto co Servizo Galego de Transporte Adaptado son as pezas estruturais, sinalou Quintana, do Sistema Galego do Benestar, que está a impulsar a Vicepresidencia. Evitar as diferenzas entre o rural e o urban Estes novos centros son tamén o resultado, dixo o vicepresidente, dunha idea de país, xa que actúan como un instrumento para o reequilibrio e a cohesión territorial, ofrecendo os mesmos servizos e niveis de calidade en todo o territorio para evitar as diferenzas entre o medio rural e o urbano. Son, ademais, un recurso fundamental no catálogo de servizos para a atención á dependencia, un catálogo que se define tendo en conta a nosa realidade diferencial como o envellecemento ou a dispersión. Neste senso, o vicepresidente destacou que se está a traballar na construción dun Sistema Galego do Benestar forte, territorialmente consolidadoe innovador nas súas políticas. Por iso, sinalou "estamos a procurar unha base financeira suficiente para colocalo á vangarda das políticas sociais no contexto europeo". De feito, o vicepresidente avanzou que o vindeiro martes a Vicepresidencia vai asinar co Ministerio o convenio cos 51 millóns de euros que restan da partida global de 61 para facer fronte á débeda histórica que o Estado ten con Galiza en materia social. Parte desta partida, sinalou Quintana, destinarase á construción de 24 novos centros de día e 2 centros de día e residenciais, o que suporá a creación de máis de 1.000 novas prazas ao longo de 2008 e 2009. Esta rede de centros de día, dixo o vicepresidente, é o resultado dun esforzo de xestión eficaz a través do Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar, unha proposta de colaboración intelixente, apoiado pola administración local, e que conta co respaldo do 70% dos concellos galegos. 136 postos de traballo Dos 14 novos centros que presentou o vicepresidente, 4 están na provincia da Coruña (Boiro, Carnota, Oleiros e Outes), 2 en Lugo (Monforte de Lemos e Ribadeo), 3 en Ourense (Coles, Rairiz de Veiga e Taboadela) e 5 na provincia de Pontevedra (Cerdedo, As Neves, Portas, Valga e Vigo). Coa súa entrada en funcionamento créanse 409 novas prazas de atención diúrna para persoas maiores e 136 postos de traballo. O vicepresidente sinalou que ao longo do ano 2008 vanse por en funcionamento 20 centros de día máis, que disporán de 520 novas prazas. Deste xeito, Galiza pasará a ter 1.270 prazas, coas que superará a taxa de cobertura en atención diúrna recomendada polo Plan Xerontolóxico estatal, que é de 0´2. Galiza situaríase no 0´21, dando un "gran salto cualitativo dende o 0´04 herdado da administración anterior", sinalou o Vicepresidente. Entre os 14 centros de día que hoxe se presentaron e os 20 que van entrar en funcionamento en 2008, crearanse máis de 200 postos de traballo. Segundo explicou Quintana, o obxectivo é chegar ao 55 novos centros ao final da lexislatura, o que suporá a creación de máis de 2.000 novas prazas. Esta actuación "a gran escala", sinalou, "permite mellorar a atención ás persoas maiores, facilitar a fixación de poboación, incrementar rendas e fortalecer os servizos sociais profesionalizados, contribuíndo á creación de emprego estable e de calidade". Unha rede "aberta e dinámica" O vicepresidente declarou tamén que esta Rede Galega de Centros de Día ten que ser unha rede "aberta, dinámica, deseñada contando coa xente deste país e integrada na sociedade da cal forma parte". As características desta rede, destacou, son a "proximidade e a accesibilidade", xa que son centros que van ser recoñecidos no país e fóra do país, como o gran referente na xestión dos recursos de atención social. Ademais, baséanse na transparencia e na participación, coa xestión por parte do Consorcio. Neste senso, o vicepresidente sinalou que se está a rematar a formación das comisións de seguimento entre os concellos nos que se localizan estes primeiros 14 centros de día e o propio Consorcio, mentres que o proceso de tramitación das solicitudes xa está en marcha. Quintana destacou que os galegos e as galegas que o precisen poderán facer uso destes novos centros de día, en breve. Importancia do Sistema Galego de Benestar O vicepresidente sinalou que os centros de día xunto co Servizo Galego de Transporte Adaptado que se presentou o pasado día 28, son pezas fundamentais do Sistema Galego do Benestar que está a impulsar a Vicepresidencia, "instrumentos de proximidade que nos permiten territorializar as políticas de benestar a favor da autonomía persoal". Segundo Quintana, o Sistema Galego do Benestar "é un programa de transformación social para facer realidade os novos dereitos sociais". Trátase dun dispositivo posto en marcha "desde o autogoberno de Galiza para garantir o exercicio real dos novos dereitos sociais e o acceso ás novas prestacións dirixidas a paliar as situacións de dependencia e falta de autonomía persoal". Grazas ao Sistema Galego de Benestar, dixo o vicepresidente, os novos dereitos convértense en pezas esenciais de articulación da convivencia en clave de calidade de vida. Finalmente, o vicepresidente referiuse ao sistema Galego do Benestar como un modelo social, institucional e galego, que "cre nas persoas e aspira a mellorar a súa calidade de vida, que cre na colaboración interinstitucional e na cooperación e que confía nas capacidades de autogoberno galego para construír un futuro mellor".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias