El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Ernesto González Valdés

Táboas: "O éxito das Normas do Hábitat non dependerá do recurso da Fegamp porque é un éxito da sociedade"

25-04-2008

A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, considera que o impulso á rehabilitación e á vivenda protexida permitirán afrontar con maiores garantías a ralentización no ámbito da construcción. Mentras, aspira a que as Normas do Hábitat Galego -xa aprobadas- e a nova Lei de Vivenda -a piques de selo- muden substancialmente o acceso dos galegos a un novo fogar e a súas condicións. -Esta semana anunciou un incremento das axudas á rehabilitación e unha maior flexibilización dos requisitos. ¿A que se debe esta decisión? - As axudas máis demandadas son no rural e nos cascos históricos, é o programa que ten máis demanda. E precisamente aí viamos problemas para acceder aos préstamos, había xente á que non se lle pagaba a axuda ata que se remataban as obras, e moitas veces non teñen os cartos aforrados. Por iso triplicamos as axudas e facilitaremos a metade da axuda ao inicio das obras. Así queremos botar unha man neste momento de reactivación económica, e ademais, moitas veces estas obras fanas a xente do lugar ou as empresas da comarca. - Habendo tanta vivenda baleira, ¿queda descartada a posibilidade de gravar estes inmobles? - Si. Hai moita vivenda baleira no rural, que foi esmorecendo e que non se poderá recuperar porque non hai actividades económicas que permitan o repoboamento deses núcleos. Pero tamén dase o paradoxo de ter 10.000 vivendas sen vender e 20.000 demandantes de vivendas protexida, polo que os prezos teranse que ir axustando. En todo caso, nós sempre apostamos pola incentivación, é a nosa filosofía. Queremos que as poñan no mercado para alugalas. - ¿E por que non se fai? - Porque moitos teñen medo de non cobrar, ou de que lle destrocen a casa. Co noso programa de vivenda en alugueiro, os propietarios teñen asegurada a renda cinco anos, así como axudas a fondo perdido para reformar a vivenda. De feito, agora empezamos a notar un maior interese por parte dos donos dos pisos. Nas oficinas da Consellería, o número de propietarios que van informarse é maior que a xente que solicita información sobre as axudas ao alugueiro, como a renda de emancipación. Hai unha clara reactivación. - Unha das novidades da nova Lei de Vivenda será a limitación de que un alcalde sexa promotor no seu concello. ¿Haberá cambios respecto ao previsto no borrador? - Pois agora estamos pechando a forma de recollelo no anteproxecto. Nós recollémolo dunha maneira, e Presidencia entende que hai que darlle unha volta a redacción. Con todo, é o único que queda por pechar da normativa. Logo irá ao Consello Económico e Social, e ao Parlamento. - ¿Cre entón que é unha medida que conta con suficiente respaldo social? - A limitación está no artigo 16 da lei. E curiosamente, ese artigo non tivo alegacións nin da Fegamp, nin dos promotores, nin da patronal. Non tivo alegación por parte de ninguén, o que demostra que é un artigo que apoia todo o mundo. - ¿Cando verá luz verde esta lei? - Agardamos que en quince días vaia ao Consello Económico e Social para que realice o seu informe. A partir de aí, irá ao Consello da Xunta e logo ao Parlamento. Se podemos, intentaremos que se aprobe no Consello antes de verán, porque cremos que se convertirá nunha lei importante para a cidadanía. É máis, será a primeira Lei de Vivenda cunha visión social. - Máis contestación recibiron as Normas do Hábitat. ¿O seu éxito dependerá de que a Fegamp decida manter o seu recurso? - Non, o éxito veu dende a súa formulación no seu inicio, dende que naceron e se aprobaron por parte desta Consellería e do Goberno enteiro. E foi un éxito porque servirán para darlle unha resposta á sociedade, que cada día demanda que as vivendas teñan un mínimo de iluminación, de accesibilidade e de ventilación. O demais son anécdotas e posicionamentos puntuais. A sociedade está por riba de todo. - O Partido Popular mesmo anunciou que as derogará se chega ao Goberno... - Si, pero non hai que esquecer que o decreto de habitabilidade de 1992 reduciu considerablemente os mínimos, como no caso da vivenda protexida, con dimensións menores que as que establecía a norma de 1978 aínda vixente. Ese decreto aprobouno o Partido Popular. A nosa é unha norma dun Goberno que pensa na xente. - No comité de asesoramento das Normas do Hábitat estarán promotores, concellos e arquitectos. ¿Cal será en realidade o seu labor? - Fará un seguimento das normas, porque non cremos sexa un documento pechado nin de costas ao que pensa o sector. Irá vendo e mesmo mellorando a propia norma, para que sexa unha normativa viva. Iso si, a meta sempre será mellorar as vivendas e non modificar o decreto para favorecer os intereses de catro persoas. As Normas do Hábitat teñen que ser cada día mellores. - Xunto á rehabilitación, tamén se fala de impulsar a vivenda protexida como saída á crise inmobiliaria. ¿Cre que os promotores estarán interesados? - Si, e de feito hai moitos promotores que nos preguntan polo tema. Neste primeiro semestre sacaremos 412.000 metros cadrados de solo no Parque Ofimático da Coruña e no barrio de Garabolos, en Lugo. Ese será o noso termómetro. Aí veremos que se tivesemos máis solo, venderiamos máis solo. Só en Vigo contabilizamos 8.000 demandantes de vivenda protexida. - Hai meses anunciou un plan sectorial pioneiro para determinar onde se fará vivenda a prezo taxado. ¿Como vai ese plan? - Pois vento en popa, cumprindo o cronograma estritamente. É o primeiro que se fai no Estado, e permitirá contar con 6 millóns de metros cadrados de solo para construir ata 40.000 vivendas nas cidades onde existe demanda. En maio estará feito o borrador, e en setembro comezará a súa tramitación administrativa. Este plan será importante para poder ofertarlle aos promotores privados e ás cooperativas solo a prezo competitivo.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias