Economía
23-06-2008
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, avogou pola internacionalización como "estratexia" para facer frente á situación económica de recesión. Así o asegurou na inauguración da I Rolda Empresarial Vigo?Latinoamérica, que tivo lugar no Pazo de San Roque, e na que tamén participaron o alcalde da cidade, Abel Caballero, e o tenente de alcalde, Santiago Domínguez Olveira e outras personalidades.
"Sinto unha enorme satisfacción de poder dirixirme a vostedes nun encontro que proporciona estratexias para facer frente a nova situación económica", afirmou Anxo Quintana, quen considerou que a Rolda Vigo ? Latinoamérica "pode axudar a incrementar a presenza das empresas galegas no exterior e das empresas latinoamericanas no noso país".
Ademais, o vicepresidente subliñou a importancia da "alianza" da clase empresarial coa administración e neste sentido subliñou o papel que está a xogar o comité de internacionalización creado pola Xunta de Galicia para paliar a actual situación de crise e fomentar a actividade exportadora.
"Administración e clase empresarial debemos aunar os nosos esforzos para proxectar no exterior a nosa imaxe dun país cheo de oportunidades, amosar todo o noso potencial que temos e converter Galiza nunha marca de calidade", aseverou Quintana. Así, apostou por traballar en rede, poñendo en común información, recursos e capacidade para captar máis oportunidades para o país e abrir novos mercados para as empresas galegas.
Na súa intervención, Quintana afirmou que entre as prioridades do Goberno galego está a de apoiar a internacionalización das empresas do país e a promoción do investimento estranxeiro en Galiza. Este apoio canalízase a través de diversos programas e plans dirixidos ás empresas do país. Así, Quintana fixo referencia ao Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), co que se impulsa a presenza expositora das empresas galegas nas feiras internacionais e ao Programa Pipe, de apoio á iniciación e consolidación das Pemes na actividade exportadora.
Nesta liña de programas tamén se inclúen o Portal bygalicia, destinado a potenciar a internacionalización das empresas galegas e a informar sobre as vantaxes para a implantación de empresas estranxeiras en Galiza. Ademais, o Goberno galego promoveu a creación da Rede de Empresarios e Profesionais de Orixe Galega, coa que se pretende estimular a aparición de novas oportunidades de negocios e que aspira a converterse nun auténtico lobby empresarial galego no mundo; e traballa na creación dun Comité de Internacionalización que colaborará para mellorar na internacionalización das empresas.
Ademais, Quintana explicou que o Goberno galego incentiva tamén aqueles factores que favorecen unha maior competitividade externa da industria galega, na procura dunhas exportacións rendibles, con maior valor engadido e compoñente tecnolóxico. Así, as empresas galegas dispoñen de programas e incentivos dirixidos a estimular a innovación, os procesos de calidade, a sociedade da información e o dimensionamento sectorial ou empresarial.
Tamén cómpre apuntar o paquete de medidas de choque para expandir a demanda exterior dos produtos e servizos das empresas galegas posto en marcha pola Consellería de Innovación e Industria, que dispón para este ano dun orzamento global de 53 millóns de euros.
Quinta comunidade exportadora do Estado
Na súa intervención, o vicepresidente Quintana explicou que as medidas postas en marcha polo Goberno galego están a acadar resultados positivos e que Galiza conta hoxe en día cunha economía máis internacionalizada que a media estatal. Así, no 2007 o país posicionouse como a quinta comunidade exportadora do Estado, cun volume de actividade que acada os 16.000 millóns de euros. Segundo apuntou Quintana, mentres que as exportacións españolas aumentaron un 6,4 por cento no ano 2007, as exportacións galegas medraron a un ritmo do 9,5 por cento. Ademais, Galiza segue a incrementar ano tras ano a súa porcentaxe de participación no total exportado polo Estado, achegando xa o 8,8 por cento do total.
Ante esta situación, Anxo Quintana animou a aproveitar estas cifras positivas como un punto de estimulación, que non de relaxación, aproveitando así para continuar por este camiño da internacionalización, especialmente no actual escenario de recesión económica. Para Quintana, este contexto resulta especialmente propicio para que as empresas amplíen o seu ámbito de actuación e compensen a caída da demanda interna cunha maior presenza nos mercados exteriores. Neste punto, lembrou que é esta actividade a que permite atenuar os efectos da crise económica en Galiza, permitíndonos medrar por riba da media do Estado e salientou o papel fundamental que xoga a industria viguesa dentro da actividade exportadora galega.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, indicou que os participantes nas xornadas poderán comprobar in situ a existencia dun tecido empresarial "sólido, capaz e extraordinariamente competitivo" na cidade. Na súa intervención lembrou tamén o crecemento económico e demográfico experimentado en Vigo dende a segunda metade do século XX, exemplo da súa "magnífica iniciativa empresarial".
Mentras, o tenente de alcalde, Santiago Domínguez Olveira explicou que o encontro, no que están previstas máis de 200 reunións de traballo, non só ten importancia dende o punto de vista empresarial, senón tamén polos "lazos que unen Galicia e Latinoamérica". Segundo apuntou o tenente de alcalde, ao rematar as xornadas "queremos que voltedes aos vosos países coñecendo un pouco máis a nosa realidade, de xeito que vos poida servir no desenvolvemento da vosa práctica empresarial".
Na primeira Rolda Empresarial Vigo Latinoamérica participan 25 empresas procedentes dez países Latinoamericanos, entre os que figuran México, Uruguai, Arxentina ou Venezuela, de diversos sectores entre os que figuran a pesca, as novas tecnoloxías, a acuicultura e a construción naval.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias