Sociedad
25-06-2008
O cantante venezolano Carlos Baute abrirá o cartel musical das Festas do Apóstolo de Santiago, cun concerto gratuíto na praza do Obradoiro o venres día 18 de xullo trala lectura do pregón das festas. Toquinho e María Creuza, Caetano Veloso, La Mala Rodríguez, Milladoiro e Loreena McKennit son os pratos fortes do menú musical ofrecido polo Concello para celebrar as súas festas patronais.
As Festas do Apóstolo prolongaranse do 18 ao 31 de xullo e contan cun orzamento de 1.265.440 euros, incluídos os fogos, segundo informou o concelleiro de Festas de Santiago, Xosé Baqueiro, quen defendeu o avance dun "cartel de gran calidade, con artistas de prestixio internacional". O Concello achegou 466.000 euros para as festas, e o Consorcio 245.000 euros, mentres que o resto correrá a cargo dos patrocinadores e da recadación dos concertos.
Trala lectura do pregón e o concerto de Baute, o día 19 inaugurarase o programa 'Noites na Alameda', con música mexicana, brasileira, caribeña e clases de capoeira. 'Noites na Alameda' inclúe actuacións dos grupos Los Orlando e Los Caporales e das orquestras Armonía Show, Super Combo, Acordes e Olympus ata o día 31.
Mentres, ás 22 horas na Praza do Obradoiro ofrecerán un concerto os australianos The Ten Tenors, acompañados por unha orquestra sinfónica, por un prezo de entre 23 e 32 euros a localidade. O brasileiro Caetano Veloso será a estrela o luns día 21 na Praza da Quintana, a un prezo de 28 euros.
O martes 22, arrancará o Compostela Festival, cun concerto de entrada libre na Praza da Quintana ás 23 horas de Bassekou Kouyate & Ngoni Ba, que interpretará un repertorio da rexión de Segou, en Mali. Dentro deste mesmo festival, o mércores 23 a Praza da Quintana encherase da música relixiosa procedente de Nova Orleáns, co Joyful Gospel Choir, a un prezo de entre 3 e 6 euros.
A quema da fachada
O punto álxido chegará a noite do 24, coa queima da fachada gótica. O responsable dos fogos do ano pasado, o pirotécnico Ricardo Caballer, proponse este ano tirar o triple de fogos ca no 2007, e manterá o espectáculo de láser, vídeo, proxeccións gráficas sobre a catedral e a música. Unha vez rematados os fogos, a praza da Quintana recibirá á raíña do hip hop español, La Mala Rodríguez, con entrada libre.
Para o Día da Patria, o Concello presenta unha proposta máis tradicional: o concerto de Milladoiro na praza da Quintana ás 23 horas con entrada libre será a única grande representación musical galega no cartaz das Festas.
Toquinho e María Creuza converterán o sábado 26 a Quintana nun auditorio de luxo de música brasileira, do que se poderá gozar a un prezo de 18 euros por anticipado e de 22 no día do concerto.
Dende o Caribe, chega o espectáculo 'Cuba, el musical', que repasa a historia da música cubana. Será na Praza da Quintana ás 23 horas do luns día 28, con entrada libre. Ao día seguinte e á mesma hora, Amaral presentará en directo na praza do Obradoiro o seu último traballo, 'Gato negro-dragón rojo'. O prezo da entrada será de 18 euros por anticipado e de 22 na taquilla.
A canadense Loreena McKennitt porá o broche de ouro ás festas do Apóstolo o mércores día 30, cun concerto na Praza da Quintana a partir das 22.30 horas, a un prezo de entre 18 e 30 euros. O día 31, tralos fogos de fin de festa no Campus, chegará o Tributo a Rolling Stones na Praza da Quintana con entrada libre, mentres que no Campus, comezará o espectáculo 'Espíritu latino', cos grupos Santa Fe, Guajiros, Dj Juan Magán e Dj Marcos Rodríguez. Falta por pechar o programa 'Ata o amanecer', que levará a música á praza de Cervantes, Quintana, San Paio de Antealtares, Mazarelos, Alameda, Toural e Campus Sur, coa orquestra Olympus confirmada para as 1.30 horas na Alameda.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias