El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

A Deputación de Pontevedra aporta 150.000 euros para financiar a actividade do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo

01-07-2008

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, asinou un convenio de colaboración co director do Museo da Fundación MARCO, Iñaki Martinez, a través do cal o organismo provincial financiará con 150.000 euros a actividade anual da entidade viguesa. Este acto, no que tamén participou a vicepresidenta, Corina Porro, foi o primeiro celebrado na nova sede da Deputación en Vigo que abriu este martes ó público. Louzán salientou que esta achega pretende "paliar o déficit que ten Vigo en canto a equipamentos culturais e servizos avanzados" do mesmo xeito, aseverou o titular da administración provincial "pretendemos contribuír á potenciación de Vigo como cidade competitiva e moderna, ademais de mellorar o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes". Pola súa banda, Corina Porro afirmou que "na Deputación hai un compromiso coa cultura" e recordou que o museo MARCO é un deses espazos de cultura "do que os vigueses nos sentimos orgullosos". Así mesmo comentou que o Museo de Arte Contemporánea "é un dos máis visitados? e nisto, asegurou, "ten moito que ver coa decisión tomada no seu día de que a entrada fose gratuíta para todos". Finalmente, o director do Museo da Fundación MARCO, Iñaki Martinez, agradeceu que "a Deputación decidise asinar este convenio co museo no que é o primeiro acto que se organiza neste flamante edificio que se puxo a disposición dos vigueses". O museo MARCO, de titularidade municipal, dispón de 10.007 metros cadrados dos cales 3.500 metros cadrados están destinados a salas de exposicións e a colección. Forma parte da Rede Española de Museos. Este centro está xestionado a través dunha fundación na que participan xunto ó Concello de Vigo, a Xunta , a Deputación de Pontevedra e Caixanova, que foron os promotores deste proxecto, fundado en outubro do 2002. Finalmente, Corina Porro fixo un primeiro balance da actividade que tivo a nova sede da Deputación en Vigo. Comentou que dende a apertura da mesma, ás oito e media da mañá e ata o momento no que se deu a rolda de prensa, en torno ás 12, achegáronse ata a sede un total de 22 persoas. Destas, comentou Porro, oito persoas solicitaron información sobre publicacións de libros e 13 persoas acudiron ó rexistro e solicitaron información sobre as subvencións que concede o organismo a través dos diferentes servizos, así como sobre as ofertas de emprego. Non obstante, puntualizou Louzán, nos vindeiros catro ou cinco meses realizarase un balance de actividade "onde saberemos realmente a demanda deste novo edificio entre os cidadáns, e o aforro en tempo, en custe de peaxe e aparcamento dos cidadáns que eviten desprazarse ata Pontevedra para realizar calquera xestión".





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias