Economía
07-07-2008
A Consellaría de Innovación e Industria asinará un convenio de colaboración coas tres universidades galegas e co Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) para o desenvolvemento do proxecto ?Unidades de Investigación Intensiva?. O obxectivo de dito proxecto, que será autorizado este martes polo Consello da Xunta, é a aproximación ao tecido produtivo do sistema público de I+D+i, que contará así cunha ferramenta para promocionar e valorizar os resultados de investigación dos seus grupos.
Este proxecto enmárcase nos obxectivos e finalidades do Plan Galego de I+D+i 2006-2010 (incite), que conta cun Programa Resultado-Valor cuxo obxectivo é desenvolver accións que contribúan a transferir e outorgar valor ao coñecemento xerado no sistema público, e conta cun financiamento da Consellaría de Innovación e Industria de 710.000 euros para o período 2008-2010.
A transferencia de tecnoloxía dos centros públicos de investigación e das universidades estaba tradicionalmente asociada á contratación de servizos externos. Este mecanismo, permitiu unha grande interacción entre os investigadores e as empresas, unha confluencia de obxectivos en investigación entre a investigación pública e a empresa e mesmo o enraizamento no Sistema Público de I+D+i de novas pautas de traballo influenciadas pola cultura empresarial. A notable evolución do estado da investigación en Galicia nos últimos anos posibilitou a existencia de grupos de investigación de excelencia con enorme recoñecemento internacional nas súas áreas de coñecemento e con posibilidades reais de mellorar aspectos vinculados á valorización e comercialización dos seus resultados de investigación.
Neste senso, o desenvolvemento do proxecto de ?Unidades de Investigación Intensiva? usando criterios empresariais, trata de organizar e orientar a devandita investigación cara aos potenciais mercados receptores do coñecemento xerado nos grupos e a obtención de retornos a través da posta en valor e comercialización dos devanditos resultados, sendo a creación de empresas de base tecnolóxica unha opción moi viable. A idea de partida é que os grupos, cando emprendan unha liña de investigación, non o fagan soamente en termos científicos, senón que tamén avalíen as posibilidades de valorización e de transferencia dos resultados de investigación.
Nesta liña, o proxecto ?Unidades de Investigación intensiva? persegue os seguintes obxectivos: a organización dos grupos de investigación e a análise das posibilidades de comercialización dos seus resultados, a creación dunha carteira destinada á posta en valor e comercialización dos resultados de investigación dos centros públicos de investigación en Galicia, a busca de inversores para a comercialización de tecnoloxías desenvolvidas polos grupos, o desenvolvemento de novas liñas de investigación e a detección de tecnoloxías susceptibles de ser a base dunha empresa de base tecnolóxica.
Seis grupos de investigación
O proxecto desenvolverase nun mínimo de seis grupos de investigación pertencentes ás universidades galegas e ao CSIC, sendo polo menos un de cada unha das institucións que asinan o convenio. Incluirá unha fase de selección dos grupos que reúnan as características de excelencia necesarias para participar nesta acción. Avaliaranse a súa produtividade científica, o potencial comercial e o sistema de financiamento, e analizaranse as estruturas legais existentes para garantir unha política de protección dos resultados axeitada.
Este traballo de avaliación permitirá desenvolver e implantar un sistema organizativo e de xestión que contribúa a optimizar o sistema de traballo do grupo. Establecerase un organigrama do grupo de investigación, un sistema de información e un esquema de coordinación de actividade e de toma de decisións.
A partir de aquí, formularanse dous plans para cada grupo. En primeiro lugar elaborarase un plan estratéxico de I+D que defina a política de investigación concretándoa en varias liñas de traballo coa súa carteira de proxectos correspondente. O desenvolvemento deste Plan implica a realización dun estudo exhaustivo de cada unha das liñas de investigación
O segundo plan é o de Comercialización de Resultados que orientará cara ao mercado os resultados de investigación, seleccionando a fórmula de comercialización máis idónea (licenza de patentes, potenciación de servizos e/ou creación de empresas de base tecnolóxica) e deseñando as estruturas xurídicas necesarias para articular a relación entre o grupo de investigación e os inversores.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias