El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

Aberto o prazo para solicitar as axudas para a renovación de maquinaria agrícola

15-07-2008

A Consellaría do Medio Rural abriu o prazo de solicitude de axudas para a renovación da maquinaria agrícola no sector agropecuario galego. A partida orzamentaria inicial conta cun total de 1.000.000 euros, que poderán incrementarse de acordo coas solicitudes presentadas durante o prazo previsto. Esta liña vai destinada a mellorar a eficiencia enerxética e aforrar carburantes, reducir as emisións contaminantes e rebaixar os índices de sinistralidade nas actividades agrícolas e forestais. Mediante esta liña, búscase substituír a maquinaria máis vella, fundamentalmente tractores e outras máquinas automotrices, por unha nova equipada con modernas tecnoloxías que melloren as condicións de traballo, aforren enerxía e produzan un menor impacto ambiental. Así mesmo, os interesados tamén poderán solicitar axudas para a renovación de sementadoras directas, cisternas para xurros ou esparexadores de fertilizantes sólidos e fertilizadoras de aplicación de produtos fitosanitarios. A Consellaría do Medio Rural pretende, mediante esta convocatoria, reducir a complexidade do traballo agrogandeiro, incrementar o equipamento dos vehículos, potenciar a utilización de tractores e máquinas automotrices, reducir a contaminación, aproveitar mellor os recursos enerxéticos e introducir a alta tecnoloxía na agricultura. As axudas variarán en función do cumprimento de diversas cuestións, como son o número de cabalos de vapor da máquina, a eficiencia enerxética do novo tractor, ou as características do beneficiario (en función de se se trata dun agricultor particular ou unha cooperativa). En concreto, para acceder a esta subvención é preciso axustarse a unha serie de requisitos: ser titular dunha explotación agraria ou dun novo tractor; cumprir as normas comunitarias aplicables a investimentos; axustarse á definición de pequenas e medianas empresas; comprometerse a non allear o novo tractor durante un período de cinco anos; acreditar como principal actividade a produción agraria (no caso das persoas xurídicas) e a prestación de servizos agrarios (no caso de empresas) e estar actualizado nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social. Así mesmo, os requisitos que deberán cumprir os tractores antigos son: ter mais de 15 anos de antigüidade, estar inscritos no Rexistro Oficial de Maquinaria (ROMA), estar en condicións de uso e non de abandono, ser entregado nun centro autorizado e causar baixa definitiva no ROMA. No caso da nova maquinaria, esta deberá ser adquirida posteriormente á solicitude da axuda e quedar inscrita no rexistro correspondente. O prazo de solicitude das axudas estará aberto ata o día 21 deste mes.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias