Sociedad
17-07-2008
Doce artistas galegos homenaxean á vaca galega na exposición "Mú (Temos moito que dicir)", que se abre este xoves na Casa da Parra de Santiago. A seleccción de autores correspóndese con aqueles que xa levan anos traballando sobre un motivo iconográfico característico da sociedade galega.
Capricho Español, Vari Caramés, Tono Carbajo, Eva Carrera, Álvaro de la Vega, Antón Lezcano, Xurxo Lobato, Antón Lopo, Manuel Moldes, Paco Pestana, Manuel Sendón e Eduardo Valiña amosan unha variada colección de creacións fotográficas e pictóricas arredor da vaca.
Na mostra pódese atopar dende bostas disecadas, ata unha reprodución dunha vaca en madeira, retratos de vacas tolas a homes convertidos en vacas, que ofrecen distintas visións do tránsito á actualidade dunha sociedade na que o animal era fonte de vida e riqueza, e co que mantiñan estreitos vínculos afectivos.
Na súa meirande parte, as obras foran creadas con anterioridade ao proxecto expositivo. Por exemplo, a obra 'O carro dun país', de Manuel Moldes, data xa do ano 87, e fai referencia ao valor antropolóxico da vaca en Galicia, con moitos elementos naturais.
Tamén se inclúen os deseños de Antón Lezcano que tanto se popularizaron, e que converten á vaca nun icono nacional sobre a bandeira de Galicia, do mesmo xeito que o facía o touro en España.
O artista de Sarria Eduardo Valiña convirte en museizables as bostas disecadas de vaca, como "restos fosilizados dunha cultura que doe", segundo explicou a AGN a comisaria da exposición, Fátima Otero. Tamén amosa 11 fotografías nas que se clasifican os elementos da natureza e a vaca, en referencia ao afán por encaixar estes elementos na sociedade.
Unha vaca a tamaño natural e de 500 kilos de peso dará a visión máis realista do cuadrúpedo, de non ser porque en lugar de carne e óso está composta de madeira. É a proposta de Álvaro de la Vega, que inclúe pinturas rupestres que remiten á tradición atávica do animal.
Paco Pestana recorre a unha instalación cunha grande importancia escenográfica con catro pezas de grande forza. Por un lado, pendurada dunha gaiola, unha vaca disecada, raquítica, chama a atención sobre o poderío do home sobre o animal, indica a comisaria da mostra. Vacas con cofias de noiva, copulando e touros desgañitados trasladan ao mundo vacuno as paixóns humanas, o amor, o odio e a dor.
Outra das imaxes con maior pegada é a que deixa a obra de Manuel Sendón, 'Galiza 2001', sobre a traxedia das vacas tolas, na que se presenta un retrato ensanguentado do animal. Outro fotógrafo, Xurxo Lobato, exhibe tres pezas que xogan coa identificación coa vaca e cos avances no campo da xenética. E Vari Caramés achega a súa 'Visión animal', de 1996, unha serie de fotografías de vacas na paisaxe en branco e negro.
Tono Carbajo realizou unha obra na que unha pel de vaca extendida e unha escopeta aluden á memoria, á calidez e á desaparición duns costumes. E Antón Lopo contribúe á exposición con tres fotografías dunha performance do 2001, na que tamén se identifica co home coa vaca.
O colectivo Capricho Español exerce unha crítica aos "remilgados que renegan do campo", cun díptico con dúas fotos titulado 'Nos encanta el campo. ¡Jo, qué asco!'.
Unha visión máis bucólica é a que ofrece Eva Carrera, nunha peza expresionista na que debuxos infantís de vacas e outros elementos da natureza dan vida a esa Galicia verde que forma parte do imaxinario colectivo.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias