Sociedad
22-07-2008
A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e a ministra de Fomento, Magdalena Álvarez, asinaron este martes en Madrid dous convenios de colaboración para continuar as obras de rehabilitación nos castelos de Naraío, no concello coruñés de San Sadurniño, e de Santa Cruz, en Oleiros, declarados ambos Ben de Interese Cultural.
O departamento de Cultura da Xunta e o de Fomento do Goberno central investirán nestas dúas actuacións un total de 721.140 euros, dos que o Ministerio financia o 75%, en cumprimento do acordo co Ministerio de Cultura polo que o 1% dos fondos xerados pola contratación de obra pública se destinan a actuacións sobre o patrimonio histórico. Pola súa banda, a Consellería achega 180.276 e encargarase da contratación e dirección das obras.
Unha vez asinados os convenios, a Consellería procederá nos próximos meses a adxudicar as actuacións, que xa contan con proxectos da Dirección Xeral de Patrimonio.
Así, no castelo de Naraío, vinculado á casa dos Andrade, consolidarase a fortaleza e poranse en marcha traballos de limpeza, restauración e consolidación dos muros do castelo. Con este novo convenio procederase a recoller as pezas do muro defensivo que se atopan dispersas polo terreo que garda a fortaleza, así coma no próximo río Castro, para repoñelas e estabilizalas dentro dos muros perimetrais aos que pertenceron.
A intervención nesta fortaleza, datada do século XII e propiedade do concello, ten asignado un orzamento de 303.276 euros. As obras supoñen a continuación das que xa realizou a Consellaría de Cultura no 2007, e que se centraron na recuperación da base das murallas e do foxo.
Por outra banda, no castelo de Santa Cruz, que pertencera á familia de Emilia Pardo Bazán, vaise realizar unha actuación que continuará cos traballos xa iniciados pola Consellaría de Cultura, cunha partida de 417.864 euros.
As obras céntranse na estabilización da estrutura da fortaleza, construída no século XVI polo xeneral Diego das Mariñas para a súa defensa. A actuación servirá para solucionar problemas estruturais en parte da muralla exterior que ameazan a súa estabilidade. Tamén se realizarán obras de acondicionamento do entorno.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias