Sociedad
22-07-2008
A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá este ano ensaios abertos para achegar ao público o traballo cotián da orquestra. A RFG iniciará a súa tempada 2008-2009 cun concerto na Catedral de Santiago o vindeiro 26 de setembro, con Antoni Ros Marbà á fronte.
Serán preto de 30 concertos os que encherán a programación do Auditorio de Galicia, pero tamén os que levarán a outras cidades, como A Coruña, Vigo, Lugo ou Pontevedra. Xunto ao director titular, Ros Marbà, tamén se porán á fronte da Real Filharmonía o compostelán Maximino Zumalave, como director asociado, e o británico Paul Daniel, como principal director invitado.
Pero antes de que comece a tempada, a orquestra participará baixo a batuta de Paul Daniel e acompañada polas voces da soprano Mariola Cantarero e do barítono Fabio Capitanuci, na Gala Lírica do Festival da Ópera da Coruña.
Ademais co concerto de comezo de curso, o público poderá gozar dos tradicionais concertos de Reis e Nadal, que ademais conmemorará o noveno aniversario de Ros Marbà á fronte da orquestra compostelá coa Novena Sinfonía de Beethoven.
Ademais, polo Auditorio de Galicia pasará un selecto grupo de directores e solistas, entre os que destacan as batutas internacionais de David Atherton, Anne Manson, Tuomas Ollila-Hannikainen, Frans Brüggen, Theodor Guschlbauer, así como as de Pablo González, José Ramón Encinar, Max Valdés e Juanjo Mena.
A eles sumaranse os violinistas Daniel Hope, Cho-Liang Lin e Viviane Hagner, os cellistas Adolfo Gutiérrez e Asier Polo, o viola Lawrence Power, o trompa Eric Terwilliger e os pianistas Paul Crossley, Herbert Schuch, Jorge Federico Osorio, Tzimon Barto, Luís Fernando Pérez, Cristina Bruno, Andrei Gavrilov e Nikolay Lugansky, quen pechará a tempada en xuño de 2009.
No plano vocal destacan as actuacións de Mélanie Diener, Soojin Moon e Stephanie Houtzeel e a actuación, en decembro, da prestixiosa Sociedade Coral de Bilbao, que porá voz á Novena de Beethoven.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias