Sociedad
A Fundación Barrié organiza visitas guiadas á obra do Mestre Mateo
23-07-2008
O vicepresidente da Fundación Barrié, José María Arias; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o deán da Catedral, José María Díaz; e a restauradora da Dirección Técnica do Programa Catedral, Concha Cirujano, subíronse hoxe ao andamio instalado na Catedral de Santiago para restaurar o Pórtico da Gloria, co fin de coñecer o proceso de restauración, o grao de deterioro da obra e os traballos que desenvolverán os técnicos.
Igual ca eles, composteláns e visitantes poderán acceder de balde a esta vista privilexiada da obra do Mestre Mateo, previa reserva na Fundación Barrié, no teléfono 981 060 091. As visitas serán limitadas e estarán restrinxidas a un máximo de 14 persoas, co fin de non entorpecer os traballos de restauración e de non deteriorar o Pórtico.
O director xeral de Patrimonio prevé que no primeiro trimestre de 2010, Ano Santo "estean rematadas" as obras de restauración no Pórtico, se ben lembrou que as obras de patrimonio "non teñen data fixa de remate" e que "non se poden apurar". "Se houbese unha circunstancia que aconsellase retirar os andamios nalgún momento, retiraríanse e logo volveríanse colocar para continuar o traballo", engadiu.
A conselleira destacou a importancia da actuación para o mantemento da Catedral de Santiago. Bugallo destacou que a redacción do Plan Director da Catedral estará listo a final de ano, logo de realizar estudos previos e unha diagnose do estado do patrimonio. O documento marcará os usos e actuacións futuras no monumento. A Consellería rematou xa o traballo de monitorización do Pórtico, no que investiu 20.000 euros.
Pinturas da Capela Maior
Este programa, financiado pola Fundación Barrié e realizado en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio, o Cabido da Catedral compostelá e o Instituto de Patrimonio Histórico Español, conta cun orzamento de 3 millóns de euros, e inclúe non só a intervención sobre o Pórtico da Gloria, senón tamén sobre as pinturas murais da Capela Maior.
O vicepresidente da Fundación Barrié adiantou que nos "próximos 60 días, si tenemos todas las licencias y autorizaciones", poderán colocar os andamios para comezar coas obras de restauración das pinturas da Capela Maior, xa que os traballos van "muy adelantados". "El objetivo es que las pinturas se puedan contemplar en el Año Santo en todo su esplendor", asegurou.
Por outra banda, na actualidade, a Consellería proxecta restaurar a fachada da Porta Santa, unha actuación que se atopa en fase de estudo e na que está previsto investir arredor de 90.000 euros.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias