El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Representantes da sociedade galega promoven un manifesto en defensa dos dereitos dos galegofalantes

Denuncian a "discriminación" das persoas que falan galego

23-07-2008

Trinta persoas de diferentes eidos da sociedade galega promoven o Manifesto a prol da convicencia lingüística e da igualdade de dereitos para o galego, presentado en Santiago polo presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, xunto con intelectuais e artistas galegos. O presentador de televisión Xosé Manuel Piñeiro foi o encargado de ler o texto, no que se lembra o carácter oficial da lingua galega e no que se denuncia a "discriminación" que sofren os galegofalantes. "É o galego o que corre perigo como idioma e os galegofalantes os que non son debidamente respectados", afirman os asinantes deste manifesto, que nace ante os "preocupantes intentos" promovidos dende Madrid para convencer á opinión pública de que "o castelán corre perigo de desaparición", co fin de que "os falantes do galego non teñan dereitos lingüísticos". Así, acusan a certos sectores da sociedade española de "negar a existencia de pobos e linguas diferentes" dentro do Estado, e por tanto, "negar a convivencia e a igualdade". Por este motivo, alertan á sociedade galega "para non deixarse confundir" e para que reflexionen sobre a verdadeira situación do galego en Galicia. Ao mesmo tempo, esperan un compromiso por parte das institucións do Goberno galego para defender a igualdade de dereitos para o galego e normalizar o seu uso. "Debemos ser firmes rexeitando todo posicionamento que persiga recortar dereitos ou retroceder no cativo camiño andado nas administracións públicas e na vida social", conclúe o manifesto, co que responden ao Manifesto pola lingua común, promovido por Fernando Savater e Vargas Llosa, entre outros, no que amosan unha "preocupación por la situación de la lengua castellana". Máis manifestos Callón afirmou en rolda de prensa que o manifesto presentado súmase a outros en defensa da lingua galega promovidos recentemente pola Federación de Asociacións de Escritores Galeusca, na que está inscrita a Asociación de Escritores en Lingua Galega, por profesores universitarios de todo o Estado e polo Galeusca de Historiadores. Á presentación asistiron o director de cine Ignacio Vilar, a escritora Yolanda Castaño, o galeguista Avelino Pousa Antelo, o presidente da Asociación Galega de Editores, Alfonso García Sanmartín; o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez; o presidente da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Xoán Costa; o presidente de Nova Escola Galega, Xosé Lastra, e o presidente da Rede Galega de Empresas, Benigno Pereira, entre outros. Deste xeito, comeza un camiño na procura de adhesións, que se desenvolverá principalmente a través da rede, coa recollida de sinaturas na web www.amesanl.org. Ata o de agora, adheríronse ao manifesto as cantantes Ana Kiro, Uxía Senlle e Mercedes Peón, os escritores Bernardino Graña, Manuel Rivas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Teresa Moure e Luís González Tosar, os arquitectos César Portela e Manuel Gallego Jorreto, o escultor Francisco Leiro, o libreiro Xurxo Patiño, os profesores Isaac Alonso Estravís e Jorge Mira, o decano do Colexio Profesional de Xornalistas, Xosé Manuel Pereiro, e a presidenta de Irimia, Sole González, ademais dos presentes na lectura do manifesto desta mañá.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias